O BNG de Lalín pide á Xunta que inclúa no orzamento a ambulancia medicalizada

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

13 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O BNG de Lalín presentou emendas ao orzamento da Xunta. Os nacionalistas demandan unha ambulancia medicalizada «que conte con persoal sanitario e medios técnicos, que permita monitorizar aos pacientes críticos». Un servizo esencial para o que demandan unha dotación dun millón de euros. A esta petición engaden a de servizo de pediatría polas tardes dotado con 80.000 euros alegando que a ausencia da atención neste horario supón un problema serio para as familias á hora de conciliar e que afecta a familias de Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón.

A estas emendas engaden unha partida de 1,5 millóns de euros para avanzar nos procesos de concentración parcelaria, así como 1,7 millóns de euros de investimento en abastecementos e saneamentos no rural lalinense. Suman a petición de 300.000 euros de axuda para o financiamento do Conservatorio, 325.000 euros para a primeira fase dun futuro centro de día que consideran necesario e 600.000 euros para a posta en marcha dun plan de dinamización do comercio. O portavoz nacionalista, Francisco Vilariño, lamenta que o orzamento da Xunta reflicta «unha baixada importantísima do 35 % respecto aos do 2023».