A casa do astrónomo onde moura a arte

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel souto

O Museo Ramón María Aller foi inaugurado en Lalín en 1989 tras a rehabilitación integral do edificio cun acto «de respecto, institucional e de corazón» para honrar a un fillo ilustre

12 dic 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai 34 anos, inaugurábase en Lalín casa-museo Ramón María Aller tras a rehabilitación integral da que foi morada do astrónomo. Abriu as súas portas mostrando obxectos persoais do sacerdote, xunto a pinturas de Laxeiro e de Antón Lamazares. As obras de Laxeiro forman parte da colección permanente que se exhibe hoxe en día no primeiro piso, mentres que as creacións de Lamazares foron prestadas de forma temporal para a ocasión. Desde entón, a casa de Ramón María Aller segue cumprindo o seu labor como morada, agora da arte e escenario de múltiples actividades vinculadas á cultura.

Xosé Cuíña, como alcalde de Lalín naquel momento, presidiu unha inauguración que cualificou como «un acto de respecto, institucional e de corazón» a un dos fillos ilustres destas terras e unha das figuras científicas de Galicia. Ese mesmo día, xusto antes do museo, a comitiva, integrada por autoridades municipais e provinciais xunto a un bo número de veciños, inauguraba a poucos metros a escultura do Neno, obra de Manuel García Vázquez Buciños, ao son da Banda Municipal de Lalín.

Naquel acto, o entón director do Museo Provincial de Pontevedra, Filgueira Valverde, lembrou ao astrónomo. No seu discurso, Cuíña agradeceu ese día a asistencia do presidente da Academia Galega das Ciencias, Viéitez Cortizo, e a colaboración prestada por Vázquez Portomeñe, así como a de Luis González Taboada e membros da familia do sabio lalinense.

Afirmou que «o museo vai servir de asento e berce á vontade dun pobo que afirma-lo seu legado histórico, científico e cultural», significando que por ese motivo «o Concello, consciente de ser o voceiro da vontade e dos intereses xerais do pobo» quería ofrecerlle esta nova institución. Xosé Cuíña tachou o museo como «unha semente que hai que coidar e alimentar pois só o tempo e os coidados poderán levalo a cabo e eu teño a sensación de contribuír modestamente ao benestar e prestixio desta terra», afirmou.

O inmoble contaba cunha superficie útil de 417,67 metros cadrados. Os planos do proxecto foron realizados polo arquitecto Carlos Rosón e dispúxose dun orzamento de execución material de 18.656.375 das antigas pesetas e un desembolso por contrata que rozaba os 25 millóns de pesetas (24.998.497).

As obras do futuro espazo cultural foron rápidas. A finais de outubro de 1989, a Deputación adxudicaba a Construcións Framiñán os traballos da terceira, cuarta e quinta fase da execución de cásaa-museo por 14.998.816 pesetas. O 23 de novembro facíase pública a cesión por parte de Antón Lamazares de varios cadros seus que se puideron ver no museo co gallo da inauguración. A estes sumábanse algúns outros lenzos do pintor de Maceiras, residente entón en Salamanca, propiedade do Concello.

Chegouse mesmo a anunciar a posibilidade de contar para o acto de apertura con obras de Alfonso Sucasas, algo que finalmente non foi posible.

Entre os obxectos que atesoura desde o seu inicio o museo está o primeiro telescopio de Aller que foi restaurado polo artesán lalinense Manuel Buján. Este encargouse da súa limpeza, ao atoparse en moi mal estado, recolocando pezas que se atopaban soltas no interior e axustando a gradación. Encargouse ademais de limpar, vernizar e arranxar a suspensión doutro péndulo que pertencía a Ramón Aller. Un traballo que o artesán, por entón xa retirado, levou a cabo de forma altruísta e sen cobrar.

No seu momento a restauración da casa foi criticada por un sobriño do astrónomo, que se queixaba que a reforma a converteu nun inmoble diferente. Significaba que o edificio foi construído no seu día por Domingo Enrique Aller, pai do sabio lalinense. Describíaa como a típica casa da incipiente burguesía do finais do século XIX cun zaguán, dous despachos á entrada, un corredor que comunicaba a horta da parte de atrás, unha cociña con lareira, o observatorio e outras dependencias propias da arquitectura dese momento.

No 2005, o edificio foi obxecto doutra remodelación que incluíu a retirada da escaleira que ocupaba o centro da sala principal e a construción doutra no lateral que dá a cálea Observatorio baixo unha fronte acristalada. Cinco anos máis tarde, en xuño do 2010, levaba a cabo a substitución da vella cúpula do observatorio por unha nova con pel de fibra de vidro dotada dun moderno telescopio. Un cambio que permite desde entón observar o ceo. Pola súa banda, o museo, fiel ao seu fin primigenio, acolle constantes exposicións e actos culturais.