Carabelo retoma as clases de apoio escolar cunha marca de 75 estudantes inscritos

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

Elaboraron manualidades no verán para sufragar gastos

21 sep 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Dez anos de vida da Asociación Carabelo de Lalín serviulle para gañar un grupo fiel de voluntarios que poñen o seu tempo a disposición dos rapaces, un cada vez máis numeroso grupo de alumnos que chegan ao colectivo en busca de apoio escolar, e o recoñecemento dun pobo polo labor altruísta que leva a cabo. Para boa parte do grupo non houbo descanso vacacional, recoñece a súa presidenta Valentina Díaz. Semanas que se aproveitaron para sacar encargos dun taller de manualidades, sustentado por voluntarias, «que nos permite facer fronte a gastos derivados do día a día», comenta a responsable do colectivo que xa anuncia novidades para próximas datas, posiblemente en forma dalgún novo mercadillo que se habilitará na vila como xa vén sendo habitual coa finalidade de sufragar gastos no seo da asociación.

Será despois dos festexos patronais das Dores, o vindeiro luns 2 de outubro, cando arrinquen as clases de apoio na Asociación Carabelo, cuxa sede se mantén na Rúa Memorias dun Neno Labrego, e á que acudiron numerosos nenos xunto aos seus pais nos primeiros días de setembro para formalizar as inscricións do novo curso.

Coa chegada das primeiras xornadas de outubro comezarán unhas clases de apoio para as que se anotaron 75 rapaces de distintas nacionalidades e idades, a cifra máis alta de todos os anos, e na que segue crecendo a lista de espera. «Temos agora que avaliar e cadrar os distintos grupos en función de idades e cursos, da capacidade que temos nas instalacións para atender adecuadamente aos nenos, do número de voluntarios cos que contamos para este novo curso... Analizaremos as dispoñibilidades en cada un dos cursos para empezar as clases o primeiro luns de outubro», explica Valentina Díaz. Carabelo atenderá a alumnos que cursan entre 1º e 6 de Primaria, ESO, BAC e FP.

«O curso pasado tivemos alumnos de 1º de BAC, e este ano tamén temos de 2º. É a primeira vez», comenta a presidenta. Aproveitan desde a asociación para agradecer as doazóns de material que se está materializando na recollida que promove o Centro Comercial Pontiñas, pero aproveitan para pedir calculadoras, compases, regras e típex; «que se precisan nas aulas e que normalmente non entran dentro das achegas que nos fan».

As clases de apoio que brinda a Asociación Carabelo ofrece un claro reflexo da multiculturalidad que se vive actualmente en Lalín. Nenos magrebís conviven na aula con outros rapaces procedentes de Venezuela, Cuba, República Dominicana, Paraguai, Colombia, Brasil, Ucraína e mesmo algún alumno paquistanís despois de que un par de familias chegasen ao pobo fai un par de anos. «Temos moitas nacionalidades diferentes nas aulas, pero aclarar que tamén temos nenos lalinenses ao estar enfocada a asociación a familias en risco de exclusión no municipio», explicou a responsable do colectivo.