Javier Carballude: «O interese pola música pode xurdir dun concerto didáctico»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

Aposta por levar de novo as polifonías ás aulas despois da pandemia para incrementar o volume de alumnos na escola

26 mares 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

A pandemia freou a expansión da escola de música da Banda de Lalín e a propia formación xuvenil, que ao igual que a infantil, se veu privada de concertos. A pesar de todo, e coa chegada da primavera, agroman novos folgos en forma de actuacións e novos proxectos. O máis inmediato o concerto das Bandas Infantil e Xuvenil da Banda de Lalín este sábado, ás 18 horas, na Sala Tuno Valdés do Auditorio Municipal, nunha actuación que dirixirán Laura Fernández Puga e Javier Carballude Iturburua, directores interinos da formación infantil e xuvenil respectivamente.

—Despois do parón sanitario, entendo que este será un concerto especial.

—O é. Os pequenos non tiveron oportunidade de actuar, de subirse a un escenario coa pandemia. Tardaron máis en ser vacinados que o resto da poboación e por precaución e responsabilidade non se puido traballar musicalmente con eles coma en anos anteriores, e aínda agora estamos pendentes de algún que está gardando corentena... Foron meses difíciles para todos, e agora finalmente poderán tocar ante o público e iso fai que este concerto sexa moi especial.

—Que interpretarán?

—Algo que creo que vai gustar a todos, músicos e público en xeral, que son bandas sonoras. Penso que será un concerto moi apetecible e quero agradecer a Santi (Santiago Mella García, director oficial da formación) a oportunidade que me brindou para dirixir a Banda Xuvenil.

—Como está precisamente a formación xuvenil na actualidade?

—Ben. É unha formación pensada para todos os chavales da escola menores de 18 anos, na que se mesturan idades dispares polo que é un traballo complicado á hora de elixir as obras a interpretar, por exemplo, pero que está funcionando moi ben.

—O presidente da banda, Antón Batán, remachaba recentemente a necesidade de captar máis alumnos para a escola.

—É preciso claro. Non foi un bo ano de matrículas, pero hai futuro na banda dos maiores e xa se puideron visualizar moitas entradas de xente nova.

—Os concertos didácticos son necesarios para captar máis alumnado?

—Son fundamentais. O interese pola música pode xurdir dun concerto didáctico. A min pasoume. Con cinco anos fun a concerto, probei no conservatorio e dedícome á música profesionalmente (ri).

—Unha primavera chea de actividade musical?

—Témola plagada de concertos e iso é moi positivo: festa do socio, intercambios con bandas...