Lalín suma xa 26 casos activos con dous positivos en Carabelo e un en Aspadeza

La Voz

LALÍN

Rocío Ramos

27 abr 2021 . Actualizado ás 04:00 h.

En Lalín o número de casos activos de coronavirus volveu subir e onte elevábase a 26, catro máis que o día anterior. Hoxe levará a cabo un cribado entre o persoal e os alumnos da escola de Carabelo, onde se detectaron dous positivos, de dúas voluntarias. Os grupos de nenos en contacto con estas voluntarias están confinados nas súas casas como medida de precaución. Seguindo o protocolo tamén continúa confinado un grupo burbulla de Aspadeza onde fai detectouse o pasado día 17 un usuario positivo. O funcionamento do centro fai que cada grupo, composto por oito usuarios e catro profesionais, non teña ningún contacto con ninguén máis. De aí sexan só estes contactos do positivo os que estean confinados. Todos eles foron sometidos a unha primeira PCR que deu negativa e agora realizaron unha segunda. O usuario positivo evoluciona ben, e entre os demais ningún ten ningún síntoma.

En Lalín onte pola noite volvía reunirse a comisión municipal do covid.

Vacinación sen colas

Onte foron convocados no centro de saúde de Lalín máis de 400 persoas maiores de 80 anos para recibir a segunda dose da vacina. As xestións da coordinadora do centro e a edil de Sanidade, Eva Montoto, fixeron posible evitar as aglomeracións e onte ampliouse o horario de vacinación que se estendeu de 9.00 a 14.00 e de 15.00 a 20.00 horas, o que fixo que non houbese colas e as vacinacións fosen espaciadas. Hoxe seguirase a mesma fórmula para un número de convocados similar.

Na Estrada o número de positivos é de dúas persoas e en Vila de Cruces baixou a tres.