Morre unha muller tras ser atropelada en Lalín

La Voz

LALÍN

miguel souto

Foi acadada por un vehículo na PO-533, á altura de Rodelas

01 dic 2020 . Actualizado ás 22:31 h.

Unha muller de 90 anos, María Josefa Iglesias , faleceu onte en Lalín tras ser atropelada por un turismo. O accidente produciuse pasadas as 16.00 horas no quilómetro 4 da estrada PO-533 que une Rodeiro e Lalín, á altura de Rodelas, no municipio lalinense. Ata o lugar desprazouse unha ambulancia de Urxencias Sanitarias do 061 e persoal médico e sanitario do PAC de Lalín, que xa non puideron facer nada por salvarlle a vida.

A muller morreu fronte á súa casa, alén da estrada. A Garda Civil de Tráfico do Destacamento de Lalín instrúe as dilixencias e considera que a nonagenaria estaba a acabar de cruzar a estrada cando foi atropelada. Ata alí se desprazaron tamén efectivos de Emerxencias de Lalín. O turismo que a acadou circulaba en dirección Lalín e estaba conducido por unha muller, que requiriu asistencia polo shock. Aos lados da estrada existen senllas vías de servizo. O atropelo produciuse nunha recta.