Magostos en múltiples recunchos das comarcas

j. b.

LALÍN

16 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A xeografía comarcal ten hoxe varios puntos en vermello para marcar os lugares onde se celebrarán magostos populares e festivos. Entre eles o da Xesta (Lalín), que comezará ás 21.30 horas, cunha cea e verbena amenizada por Punto Zero. Sen deixar o municipio lalinense, en Noceda celebrarase o magosto baixo unha carpa no campo dá festa desde as 21.30 horas, con actuación do trío Máster. E en Bermés será a asociación A Unión a organizadora da festa, que arrincará ás 21.00 horas no local social, amenizada por Varacuncas e un grupo musical. Mentres, en Cortegada (Silleda) tamén terán cea e actuación musical co dúo Galín, ademais de venderse rifas para distintos sorteos.

Sen deixar o municipio silledense, outra cea e magosto porá hoxe o colofón á Semana Cultural de Cira. Será a partir das 21.30 horas e haberá actuación do dúo Acuarela. Avema organiza o seu no local social de Manduas a partir das 21.00 horas, con música en directo, e en Fiestras mestúrase esta cita gastronómica coas festas de San Martiño, con comida popular ás 14.00 horas e actuación a cargo do grupo Urakán.