Canda preside a Federación Galega de Motociclismo outros catro anos

Javier Benito
Javier Benito LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Lalín recuperará a proba nacional de enduro e en Forcarei haberá supermotard

06 ene 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

José Canda, natural de Vilatuxe e un dos impulsores no seu día do club Móvete na Moto de Lalín, repite outros catro anos como presidente da Federación Galega de Motociclismo. Accedera ao cargo en xuño do 2016 tras unha moción de censura contra o anterior titular do cargo, Fernando Fernández, onde foi apoiado de forma maioritaria. Nesta ocasión a súa renovación chegou sen ningunha oposición, ao non presentarse ningún outro aspirante nas eleccións celebradas hai uns días.

Coa mesma ilusión con que comezou, José Canda pretende impulsar novos proxectos para o mundo das dúas rodas en Galicia e con especial interese pola zona. Agora traballa no calendario de probas para o 2019, onde haberá un forte incremento de citas de ámbito nacional respecto ao pasado exercicio. Tamén ultima a composición da súa xunta directiva, onde haberá algúns retoques respecto da do anterior mandato.

Nese calendario para este ano recentemente estreado destaca a recuperación de tres citas nacionais que non houbo en Galicia no 2018. E unha delas con sede en Lalín, onde se volverá disputar unha cita do Campionato de España de Enduro. En concreto será en outubro. Tamén regresa o nacional de motocrós, que terá lugar a primeira fin de semana de xuño no circuíto das Neves. E na Madalena, en Forcarei, correrase tras un parón outra proba do Campionato de España de Supermotard.

A esas citas recuperadas súmase a celebración de novo no 2019, previsiblemente en maio en Santiago, dunha proba do Mundial de Enduro, mentres que en Entrimo se correrá unha do Campionato de España de Trial. A esas competicións de ámbito internacional e nacional sumaranse loxicamente os distintos campionatos galegos.

No 2016 a súa pretensión de sentar as bases para que na zona se promovese un circuíto de velocidade, argumentando a afección existente e a necesidade dese tipo de instalación en Galicia. Mesmo entón se mostraba así de drástico: «Se ou houbera deixaría de haber cadáveres cada fin de semana nas estradas contra guardaraís». Tras tres anos houbo algún avance nese obxectivo, asegurando onte Canda que xa conta cun Concello disposto a achegar os terreos onde asentar o circuíto. Non quixo desvelar se era de Deza ou da súa contorna, entre outros motivos porque materializar o proxecto require implicar á iniciativa privada.

O financiamento desas instalacións require ao redor de 7 millóns de euros. Unha aposta económica importante que parece complicado conseguir pero deber xurdir desde o sector privado, como insistiu o presidente da federación galega. Hai contactos para un proxecto que ten visos de demorarse a medio ou longo prazo.

Canda destacou a recuperación da proba lalinense do nacional de enduro, que xerará de novo movemento económico no municipio e o resto da comarca. Lamenta que a falta de infraestruturas no Carrio impidan traer o nacional de trial, como sería o seu desexo en lugar de levalo ao circuíto de Entrimo. Faltan duchas e outras instalacións requiridas pola organización, animando a Concello e comunidade de montes a acometer eses traballos porque o trazado xa existe, só queda complementalo co equipamento mínimo para acoller ese tipo de probas. Recalcou que o pasado ano foron 142 pilotos, 72 equipos e dous días. Tamén lamentou que haxa reticencias entre os pilotos a sacar a licenza polo seu prezo, de máis de 400 euros.