A supresión de aparcadoiros en Lalín incendia as redes sociais

Rocío García Martínez
rocío garcía LALÍN / LA VOZ

LALÍN

rober amado

Vilariño confía en que Fomento rectifique para non ter que arrincar os bolardos

14 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A nova sinalización de Fomento reducindo prazas de aparcadoiro nas travesías urbanas da N-525 e a N-640, é dicir, nas rúas Corredoira, Ponche e Areal, provocou un aluvión de críticas veciñais que se fixeron tanxibles na rúa e nas redes sociais. Unha ollada ao Facebook deixa claro que boa parte dos lalinenses consideran que hai actuacións moito máis útiles que o Ministerio de Fomento podería ter emprendido en lugar de prohibir o estacionamento na contorna de todos os pasos de peóns.

O propio Paco Vilariño, edil responsable de Obras e Turismo, realizou publicacións mostrando a súa clara oposición a esta actuación que, en contra do que algúns lalinenses crían, foi obra de Fomento e non do Concello. Ademais, segundo explica, o Concello nin sequera foi consultado nin informado. «Chegaron os de Fomento a Lalín arrasando a rúa Ponte cos seus bolardos e pintura como facían os romanos cos seus territorios conquistados», comenta Vilariño. «O que teñen que facer desde Fomento é o arranxo integral desta rúa, que tanto o precisa, ou senón pasar a súa titularidade ao Concello para poder actuar sobre ela», reflexiona. Neste punto concordan co edil moitos lalinenses convencidos de que unha capa de asfalto sería máis útil que o despregamento de bolardos.

Vilariño tranquiliza ao persoal. Asegura que «nós aquí non imos calar», móstrase confiado en que a reunión coa subdelegada do Goberno sirva para que Fomento rectifique e advirte que, se fose necesario, valoraríase mesmo arrincar os bolardos. «Agardemos non ter que chegar a iso», di.