Willy ficha polo Middlesbrough ás ordes de Aitor Karanka

LALÍN

O adestrador lalinense traballará no equipo de analistas pero tamén participará en sesións de adestramento

22 jul 2016 . Actualizado á 05:00 h.

Da xélida Rusia á chuviosa Gran Bretaña, Guillermo Alonso Salinas Willy emprende un novo reto profesional para esta próxima tempada futbolística. Tras exercer como adestrador e analista no Torpedo Armavir da Segunda División rusa, acábase de incorporar ao staff técnico do Middlesbrough, ascendido a pasada campaña á Premier League, con Aitor Karanka no banco.

Entre as opcións para esta nova tempada baralladas por Willy figuraba un equipo de Ucraína, pero xurdiu tamén a posibilidade da Premier League. E houbo poucas dúbidas. De novo baixo o paraugas da empresa Fútbol Táctico e xunto a Juanjo Oliva, o adestrador de Lalín recala no Middlesbrough. «Dicimos afrontar un novo reto, cun club en progresión e que acaba de ascender», explicou. Formará para do departamento de análise aínda que a todos os compoñentes do equipo técnico ao redor de Karanka -«somos suficientes para ter un equipo e con suplentes», apuntou Willy- considéraselles «assistant couch».

«Ademais dese labor de analista tamén baixamos ás sesións de adestramento con todo o grupo, non só é traballo de oficina», apuntou Willy. Ata este sábado o conxunto británico está a realizar a pretemporada na localidade malagueña de Marbella. Está encantado con este novo reto profesional tras descartar «outras posibilidades máis inseguras, aínda que laboralmente poida que fosen ben, neste caso en Ucraína, pero decantámonos pola opción do norte de Inglaterra».

Contar cun adestrador español como Aitor Karanka recoñecía que era un punto a favor na súa decisión, tamén a maior proximidade a Lalín e por tanto de viaxar a ver á familia. Desde Rusia era moito máis complicado. A seriedade do seu novo club, así como a boa perspectiva de futuro, motivaron esa decisión de fichar aínda que só sexa por unha tempada. No caso do Torpedo Armavir foran tres. «Agardamos que nos saia ben», incidía Willy respecto a el e ao seu compañeiro Juanjo Vila.

A análise dos rivais, avaliar informes sobre outros equipos, abordar os seus sistemas de xogo, puntos fortes ou débiles,... son os principais aspectos do labor que desenvolverá Willy no club británico. Pero tamén acudirán aos adestramentos cando o requira o principal adestrador: «Imos meter en moitas ocasións na roda de traballo diario». Están incorporados a un corpo técnico onde non faltan desde preparadores físicos, adestradores de porteiros, analistas,... Tocaralle estar en boa forma para participar neses adestramentos, comentaba onte con certa ironía, tras participar precisamente na xornada anterior nun roldo con xogadores como Víctor Valdés ou Barragán, dous dos españois nas filas do Middlesbrough, ao que se acaba de incorporar outro exvalencianista, Álvaro Negredo.

Protagonismo español

O conxunto británico conta con varios xogadores españois, así como outros latinoamericanos, que se suman ao propio adestrador e agora a analistas como Willy. A pesar de ser unha pequena ONU polas múltiples nacionalidades, «vén ben e supón unha axuda poder falar con moitos en español, aínda que tamén en inglés, algo moi diferente ao que ocorría en Rusia; a relación será máis fluída e continua en inglés, menos complicada que no Torpedo, por exemplo nas sobremesas e conversacións á marxe do propio fútbol». Un club máis europeo pese ao brexit en marcha e que achega a casa a un técnico lalinense con proxección internacional.

En busca da permanencia e consolidar o proxecto

O Middlesbrough acaba de ascender á Premier League. Aínda que aínda non se abordou en ningunha reunión con Karanka os obxectivos deportivos para a nova tempada, Willy cre que todo pasa por buscar a permanencia na categoría nunha das ligas máis competitivas do mundo. «Buscarase consolidar o proxecto para despois pensar en crecer, se non hai base podes rematar mal; no fútbol non funcionan os castelos no aire, caen enseguida, non se pode empezar a casa polo tellado aínda que quede bonito e hai que comezar con bos cimentos», dixo.

O técnico lalinense cre que dos vinte equipos hai unha decena aproximadamente de primeiro nivel, por presuposto e calidade, case imposibles de gañar como poden ser Chelsea, Arsenal, Manchester City, Liverpool,... Despois quedan outros dez que buscarán estar o máis arriba posible e evitar o descenso. «Nese ámbito tocaranos manobrar», apuntou Willy. O sábado enfrontaranse ao Alcorcón antes de regresar a terras británicas. Willy súmase a Carlos Lalín na Premier, o recuperador físico que volve estar ás ordes de Mourinho no Chelsea.