PP e Fiestras frean a aprobación da Conta Xeral de Forcarei por defectos administrativos nun pleno sen o BNG

La Voz A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

cedida

22 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A expulsión de Rafael Fiestras do grupo de goberno socialista e a imposibilidade de aprobar a dedicación para o edil nacionalista Roberto Jorge Correa deixaron de facto ao PSOE de Forcarei gobernando en minoría. PSOE e BNG pactaran unha coalición con cinco edís máis uno pero, tras as complicacións para aprobar os soldos derivados do pacto, o PSOE hase quedado con só catro votos asegurados. Fiestras agora é independente e Roberto Jorge tampouco ten débedas con ninguén, co que os cinco votos do Partido Popular poden decidir. E deciden.

Sucedeu no pleno de onte, ao que o edil do BNG, Roberto Jorge Correa, non acudiu. Votábanse a Conta Xeral do 2022 e as alegacións que o PP e algún particular presentaron contra ela. Segundo o PP, a Conta Xeral foi ditaminada o 2 de febreiro nunha comisión de Contas que non cumpría coa proporcionalidade que esixe a lei. Os populares sosteñen que, tras a expulsión de Fiestras do goberno, a composición da comisión debería haber variado, algo que non ocorreu a pesar dos avisos dos populares. Por esta razón, o PP e Fiestras votaron a favor da aceptación das alegacións á Conta. O goberno entende que a aceptación das alegacións deriva automaticamente na desaprobación do balance financeiro, polo que a votación da Conta Xeral xa non chegou a celebrarse.

Desde o goberno apuntan que a conta certifica «a excelente saúde económica do Concello de Forcarei». Segundo explican hai remanentes líquidos de tesourería por valor de 2.279.389 euros, uns ingresos definitivos de 5.097.609 euros e uns gastos definitivos de 4.559.347 euros. A alcaldesa, Verónica Pichel, falou de «situación financieira exemplar» fronte ás «mentiras» e «acusacións artificiais» realizadas pola popular Belén Cachafeiro sobre a situación económica do Concello.

A portavoz do PP criticou o atraso na presentación da Conta Xeral e advertiu que por non aprobarse en prazo están a perderse zumentas subvencións da Xunta que non puideron solicitarse, como os 150.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental que xa se perderon o ano pasado.