Forcarei padece problemas na subministración de auga pola súa sucidade

La Voz A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

miguel souto

04 oct 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O Partido Popular de Forcarei denuncia que desde hai un mes Forcarei sofre problemas no abastecemento de auga ao detectar «reiterados episodios de auga non apta para o consumo». Unha situación que se agravou desde o luns ao sufrir un corte xeneralizado da subministración que deixou sen auga a varias vivendas durante gran parte do día.

Os populares explican que a auga está chea de sucidade, o que impide o seu consumo. «Levamos máis de vinte horas con graves problemas na subministración de auga ás vivendas e aos negocios, con molestias para os veciños e fortes perxuízos económicos aos locais de hostalería», reprendeu o seu portavoz, Belén Cachafeiro. Desde o Concello de Forcarei pediron desculpas por esta problemática. Indicaron que non estaba previsto ningún corte no servizos e que este se debeu a un erro humano nas tarefas de limpeza do depósito.

No entanto, as explicacións non foron suficiente para o PP, que reclama a posta en marcha do proxecto redactado polo anterior goberno que supón a construción dun novo depósito. Cachafeiro lamentou que a alcaldesa socialista, Verónica Pichel, non fose capaz de conseguir o financiamento necesario para levalo a cabo.

Recollida de firmas

Finalmente, o PP anunciou que emprenderán unha recollida de firmas entre os veciños para presentalas ante o Concello co obxectivo de que este investimento «pase a ser absolutamente prioritaria».