O PP de Forcarei solicita un pleno para destinar 191.000 euros a investimentos e axudas

La Voz A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

cedida

29 sep 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

O grupo municipal do PP de Forcarei acaba de formalizar a anunciada solicitude dun pleno extraordinario para destinar 191.000 euros a investimentos e subvencións a entidades a través da incorporación de remanentes de tesourería ao orzamento municipal. O pleno terá que convocarse obrigatoriamente, ao ser forzado contando con máis dun terzo dos membros da corporación, como esixe a lei.

«Nós falamos con feitos e os veciños e as asociacións de Forcarei non teñen que pagar a mala fe da alcaldesa de vencellar estas partidas aos seus soldos estratosféricos de 140.000 euros anuais», din os populares.

Os populares propoñen a incorporación de remanente de tesourería por leste importe ao orzamento municipal para o SAF, obras, bolsas de estudo, patrocinios deportivos e dez axudas a colectivos.

A portavoz do PP forcaricense, Belén Cachafeiro, lamenta que o goberno local anuncie unha reestruturación e que vaia a apoiar estas medidas «nun xesto que é un intento de lavado de cara ante os veciños porque o que tiñan que facer é convocar o pleno».