Bloquean axendas nos centros de saúde de Forcarei e Soutelo durante o mes de xullo

La Voz A Estrada / LA VOZ

FORCAREI

01 jul 2022 . Actualizado ás 05:00 h.

A escaseza de médicos pasará factura este verán aos centros de saúde do municipio de Forcarei. Segundo explican desde o sindicato UGT, en Soutelo de Montes, as vacacións do único facultativo durante a primeira quincena de xullo obrigaron a pechar as axendas durante este período, coa excepción de catro días nos que está previsto enviar un substituto. Os outros 11 días UGT presume que a atención se prestará desde Forcarei. Na segunda quincena de xullo sucederá á inversa. Será o médico de Forcarei o que estará de vacacións. De momento, a axenda está bloqueada para toda a quincena, aínda que se agarda que haxa substituto algúns días e que outros se remita aos pacientes a Soutelo. En Forcarei tamén está bloqueada a axenda de Pediatría para o mes de agosto.

Namentres, na Estrada está previsto que uns médicos cubran as vacacións doutros e agárdase poder manter o horario de atención tamén nos centros de saúde periféricos de Souto de Vexa, Oca e Codeseda.