Festa de San Pedro no mosteiro de Dozón

daniel gonzález alén DOZÓN

DOZÓN

Daniel González Alén

Restos do antigo cenobio e visita do Seminario de Estudos Galegos hai cen anos

05 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os pouco máis de media ducia de veciños do lugar do Mosteiro e máis dun centenar dos chegados da parroquia e do municipio de Dozón ao que pertence, encheron a fermosa igrexa románica que se conserva do desaparecido mosteiro de San Pedro de Vilanova, santo apóstolo que se festexa dende inmemorial nestas terras que presiden os montes da Pena de Francia e regan o río Asneiro e os seus distintos afluentes.

Estivemos na celebración do pasado domingo, que comezou coa misa oficiada polo párroco José Ramón Pena Mato e con procesión da imaxe do San Pedro portada polos máis devotos arredor da igrexa. Xa no interior do templo, a maioría dos asistentes pasaron baixo as andas do santo, tocaron a imaxe con panos e outros obxectos, para que quedaran bendicidos e os máis vellos, coñecedores do ritual, facendo o sinal da cruz coa grande chave da porta do templo para pedirlle ao santo que lles abra as portas do ceo cando chegue o xuízo final. Despois da misa, houbo sesión vermú nunha eira veciñal que rodean varios típicos hórreos, coa música da cantante galega Marietta que, malia a abafante calor, fixo bailar aos festeiros máis animados.

Restos do antigo mosteiro

Do valor e mérito da igrexa románica do século XII que chega aos nosos días teñen publicado os máis insignes historiadores e expertos en arte de Galicia. É o que queda do antigo mosteiro de monxas beneditinas de San Pedro de Vilanova, que fora consagrado en 1124, no daquela afastado e deshabitado lugar, pola nobre Guntroda Suárez, segundo reza nunha inscrición que se olla na ábsida.

Algúns restos deste mosteiro, de entre os que destacan principalmente un par de escudos, pero tamén varios capiteis e anacos de doelas e pezas labradas, foron reaproveitados nas construcións da contorna polos veciños; e os máis deles, poida que pertencentes ao claustro que debeu ter o cenobio, atópanse en paradoiro descoñecido.

Vai para cen anos, estiveron no Mosteiro e noutros lugares de Dozón os membros do Seminario de Estudos Galegos, nas xeiras que realizaron polas Terras de Deza. Aquí, fotografaron, debuxaron e tomaron notas, desta senlleira igrexa románica e tamén dun escudo e un capitel do mosteiro que fora parar ao lintel da portada dunha casa veciña. O escudo, segue na casa, pero do capitel, que aínda estaba alí a primeiros deste século, ninguén quere dar razón, como denunciamos tempo atrás noutras publicacións.

Non lonxe da igrexa monacal, está o castro local no que fican soterradas varias construcións e na contorna hai boas mostras da arquitectura popular, destacando os muíños e hórreos que se conservan, así como algunhas típicas casas, unha co obradoiro dun ferreiro, que van quedando sen xente como vén acontecendo neste e noutros municipios rurais galegos.