Cubela e Feijoo repasan os investimentos do mandato en Cerdedo

La Voz A Estrada / LA VOZ

CERDEDO

Cubela abordou con Feijoo as obras en residencia, casas de mestres e viarios a Caroi e Vichocuntín

05 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, abordou onte en Santiago co presidente da Xunta, Núñez Feijoo, a programación de investimentos no municipio durante o mandato, en obras en marcha e novos proxectos. Ascenden a máis de 9 millóns de euros, e entre as que afectan directamente a Cerdedo figuran os traballos en marcha da residencia da terceira idade: son 1,8 millóns de euros de investimento, con previsión de finalización a finais do próximo ano 2020. Rexedor e presidente autonómico comentaron ademais a situación da segunda fase da rehabilitación das antigas vivendas de mestres de Cerdedo, en licitación por importe de 750.000 euros.

Tamén trataron viarios que afectan directamente aos veciños de Cerdedo, posto que na entrevista se incidiu no plan especial para a mellora integral da estrada que une Cerdedo con Caroi, por importe de 2,6 millóns de euros. Cubela falou con Feijoo da recente conclusión da primeira fase da reforma da estrada PO-230, entre Serrapio e Vichocuntín, así como da necesidade de abordar a súa continuidade. Tamén apuntou co titular da Xunta a finalización da obra da PO-234 de Augasantas a Portasouto e o próximo inicio dos traballos para darlle continuidade ata Ponte Caldelas, xa na área de Cotobade.

Jorge Cubela sinalou que «foi unha reunión moi satisfactoria», subliñando a sensibilidade de Núñez Feijoo cara ás demandas que lle chegan desde o municipio pontevedrés.