Altri suspendeu a reunión veciñal en Agolada e buscará novas opcións

La Voz LALÍN / LA VOZ

AGOLADA

miguel sotuo

22 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A falta dunha hora para a celebración da reunión informativa prevista no salón de plenos de Agolada, o alcalde deste municipio, Luis Calvo, informaba os veciños de que os responsables de Altri non ían acudir ao encontro alegando falta de seguridade. Greenfiber emitía un comunicando dando conta da decisión da empresa de suspender as reunións previstas para a tarde de onte en Santiso, Antas de Ulla e Agolada «en ausencia dunhas condicións básicas de respecto de parte dun sector do público asistente á última charla informativa levada a cabo en Melide».

Explicaron que «a actitude agresiva e en aumento de determinados colectivos, os mesmas que xa acudiron a Palas de Rei e Monterroso, fan imposible cumprir o obxectivo das charlas, que era informar os veciños». A empresa apunta que vai explorar cos concellos outras opcións para informar de xeito personalizado á cidadanía e anunciaba que distribuirá material explicativo do proxecto e habilitará unha páxina web, contando xa coa conta de correo electrónico informacion\greenfiber.é.

O rexedor de Agolada considerou a suspensión «unha falta de respecto á veciñanza de Agolada» e alegou que se ofreceu a garantir a seguridade dentro do consistorio sinalando que o goberno local tiña preparadas preguntas. Na Praza houbo unha manifestación de veciños con pancartas expresando o rexeitamento ao proxecto de Altri que contou co alcalde, entre outros.

BNG da Estrada

Na Estrada, o BNG pide ao Concello que se sitúe contra a iniciativa de Altri rexeitando un macroproyecto que consideran contaminante que «terá múltiples afeccións negativas ao conxunto do país» incluída a pesca do salmón, xa moi mermada, coa vertedura, din, de 30.000 metros cúbidos de augas industriais ao Ulla. Instan o goberno local a presentar alegacións contra o proxecto, a promover as veciñais e que se pida á Xunta que informe negativamente e impulse unha alternativa para a dinamización da Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulla, o impulso da multifuncionalidad do monte e un plan de mellora da auga e a biodiversidade.