A Deputación financiará con 430.000 euros a reforma da piscina de Agolada

La Voz

AGOLADA

Cedida

12 dic 2023 . Actualizado ás 21:36 h.

O presidente da Deputación, Luis López, visitou onte Agolada e asinou co alcalde, Luis Calvo, un convenio destinado ás obras de reforma integral da piscina. Uns traballos que serán financiados con 430.000 euros, un 80 % do investimento, pola Deputación a través de Programa PON2030 e os ao redor de 110.000 euros restantes serán pagos polo Concello con cargo ao plan de obras e servizos. O obxectivo dos traballos é unha reforma integral de todo o recinto da piscina, que conta cunha estrutura antiga e con defectos provocados polo uso e o paso do tempo.

A obra inclúe a reconstrución do vaso grande reducindo a súa profundidade para adaptala á normativa vixente en materia de prevención de ahogamientos ata un máximo de 1,65 metros. Desprazarase a localización da piscina infantil e anularase a piscina mediana para aproveitar a escavación existente para construír un semisótano que albergue as instalacións de mantemento de depuración. Ao mesmo tempo demolerase o actual edificio dos vestiarios e construirase un novo, máis accesible, seguro, eficiente e moderno. O convenio recolle que as obras deberán estar finalizadas antes do 30 de abril do 2025. As obras están valoradas en preto de 543.000 euros.