A Feira do Moble de setembro incluirá este ano un novo pavillón multisectorial

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

12 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A Estrada acollerá do 18 ao 21 de setembro a XXXVII Feira do Moble de Galicia. Este ano contarase como principal novidade cun novo pavillón multisectorial, que se sumará á superficie expositiva de mobiliario que se distribúe noutros tres e ocupa uns 4.000 metros cadrados de superficie.

O novo espazo multisectorial situarase no pavillón seis da Fundación de Exposicións e Congresos. Acollerá un amplo abano de expositor do sector do comercio, con propostas e ofertas de áreas como a téxtil e a de complementos. A entidade organizadora confía nas sinerxías positivas que se van a producir entre esta mostra específica e a de mobiliario, á vez que se fomenta o comercio estradense.

Na edición do 2024 acadáronse os 7.000 visitantes a este certame, con entrada gratuíta. Ao redor do 54% efectuaron compras directas ou estableceron contactos comerciais con expositor. O 30 % acudía por primeira vez a esta feira e oito de cada dez visitantes avanzaron a súa intención de repetir noutras edicións.