
Poida que fose a présa por ver medrar o pobo a responsable; quizás ese desdén con que o novo rico mira os vetustos edificios deslustrados pola pátina do tempo ou, en fin, unha infausta mistura de especulación e de ignorancia. Detrás de cada unha das historias que
contamos hai persoas con nomes e apelidos mais non é momento de sinalar a ninguén, pretendemos tan só constatar unha verdade dolorosa: ningún dos edificios notables que recibimos dos nosos devanceiros e tiñamos o deber de conservar para as presentes e futuras xeracións resistiron a implacable acción da piqueta. Hai unha única excepción, o matadoiro, hoxe Museo do Pobo Estradense, milagrosamente salvado pola súa ubicación na periferia urbana.
O inventario da desfeita é tan longo como triste. Comezamos pola capela do Espírito Santo, ubicada no centro da vila e derrubada contra 1842. Oían nela misa os feirantes en días de mercado e ao seu abeiro gorecíanse mendigos e vagabundos, viaxeiros e peregrinos a Compostela. Mesmo de par dela houbo un fortín da Milicia Nacional, arrasado tamén por aquel tempo. A capela da Virxe Peregrina, erixida polo párroco de Ouzande, Juan Manuel Fontenla, e veciños da parroquia, ergueuse no 1842 e corenta e dous anos máis tarde foi incorporada tamén ao catálogo do noso extinto patrimonio.
Algo máis durou o edificio que albergaba o cárcere e o consistorio, construido no 1841 polo mestre de obras Esteban Carballo, veciño de Arca. Moitos recordamos aínda o seu adusto perfil de traza cadrada e reforzos con troneiras nos catro esquinais que lle conferían o seu característico aspecto militar. Consérvanse do edificio algunhas, poucas, imaxes fotográficas, todas elas parciais. Na planta baixa residiu o cárcere de partido xudicial e no segundo andar celebraba sesións o axuntamento. Como se sabe, foi derrubado para construir no sitio a residencia dos anciáns.
A Casa Grande de Figueiroa, fogar dos Bermúdez de Castro e dos Sangro, pereceu vítima da incuria dos seus donos; nada de mérito queda hoxe por salvar, se acaso o escudo heráldico coas armas dos Castro e os Figueroa e a espléndida cheminea barroca, comesta polo mato, que acabará no chan calquera día. No xardín do pazo había unha capela consagrada a San Xosé tamén demolida nunha data imprecisa da décimo novena centuria.
Tralo incendio criminoso do templo de San Paio de Figueiroa decídese, con gran desgusto do seu párroco e dos fregueses, reconstruilo na vila. Convertido en igrexa parroquial de San Paio da Estrada mantense aberto ao culto deica o ano 1935 e, unha vez desacralizado e vendido a un particular, desempeña funcións de garaxe e almacén pasando despois a mans do Banco Simeón, que constrúe un edificio no solar que ocupaba a propia igrexa e o seu minúsculo adro.
No ano 1971 o consello de administración da entidade bancaria acorda doar ao concello da Estrada, e así llo comunica, a fachada da igrexa (desprovista xa da torre), engadindo o ofrecemento de desmonte e reconstrución no lugar que aquel sinalase. Numeráronse, efectivamente, as pedras da fachada e trasládanse despois a unha dependencia municipal onde dormen, dende aquela, o sono dos xustos.
E que dicir na espléndida praza de abastos? Foi obra sobranceira do arquitecto Juan Argenti, eficaz colaborador de Benito Vigo Munilla, artífices ambos, durante o goberno de Miguel Primo de Rivera, do deseño da Estrada moderna.
Moitos lembramos aínda aquel inmenso espazo diáfano e a estrutura metálica da cuberta sostida por un bosque de esguías colunas de ferro forxadas en Carril. E o frontis da entrada principal adornado con dúas enormes cornucopias de polícromo azulexo ateigadas de froitos, e o escudo que coroaba a porta do chafrán, coa súa cruz cimeira desfeita, disque a balazos. Todo derrubado sen consideración, nada se salvou da escachiza.
Tal desatino sería hoxe impensable, pero a Lei de Protección do Patrimonio chegou demasiado tarde para estes sobranceiros elementos da nosa arquitectura urbana.
Quédannos da antiga praza de abastos tan só algunhas fotos, un pouso triste na memoria e algo diso que chaman a melancolía das ausencias, como a que sentimos ao evocar o Sanatorio Nuestra Señora del Carmen, dos doutores Saturio e Manuel de la Calle. Aquel edificio de traza racional de liñas ben definidas, sobrias, elegantes. Aquel recanto de silencio e de sosego, aquelas árbores corpudas, a escalinata e o xardín, eido privilexiado que moi ben poderiamos desfrutar os estradenses todos se no seu momento, cando se puxo á venda, xurdise algunha iniciativa pública de compra, algunha decisión valente.
Á parte dos edificios históricos desaparecidos cabería mencionar certos elementos que, sen acadar aquela categoría foron importantes pero encóntranse hoxe en día en descoñecido paradoiro. As colunas da praza de abastos, por suposto, pero tamén poderiamos engadir a placa marmórea con aqueles versos, digno é pobo tan leal de paz, xustiza e repouso, que Juan Manuel Fontenla adicou á Constitución e á Estrada. Según consta colocouse nunha columna emprazada na confluencia das tres parroquias que deron orixe a esta vila, hoxe Praza da Farola ou de Galicia, e pasou despois a unha das paredes da casa consistorial anteriormente referida, perdéndose aquí o rastro dela.
Perdemos tamén a fermosísima fonte que adornaba a actual Praza de Galicia. Fornecía de auga potable o sector occidental da vila e, aínda que non era a única, si foi a mellor coñecida porque aparece en numerosas fotos da época. Unha vez executadas as obras de abasto de augas, despois de 1926, sendo alcalde Benito Vigo, convertiuse en simple e a un tempo inútil obxecto decorativo, polo que foi desmontada. A peza central, de fermosa mármore branca, reubicouse nun estanque da alameda municipal onde permaneceu moitos anos, ata que se retirou tamén. Recolleuna despois o Museo do Pobo Estradense e alí se conserva convenientemente restaurada.
Permítome engadir, a modo de remate, tres elementos do patrimonio urbano que demandan especial coidado e protección: o cruceiro da Estrada, os restos da rede viaria primitiva que aínda conservamos, especialmente no perímetro do barrio do Cruceiro e a imaxe da Inmaculada, na praza que leva o seu nome.