A Zona Azul da Estrada conta con 20.000 discos horarios en circulación

Rocío García Martínez
asperxo garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

r. g.

Catrocentos residentes teñen cartóns para aparcar nas zonas verdes

03 abr 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Bautizada como Zona Azul, a zona de estacionamento rotatorio con horario limitado do centro urbano da Estrada cumpriu este luns once anos en funcionamento. Estreouse o 1 de abril do 2014 como unha ferramenta para axudar a pór remedio á falta de prazas de aparcadoiro nas zonas máis céntricas da vila. Máis dunha década de andaina serviu para que o sistema funcione hoxe con axilidade e estea ben interiorizado nos cidadáns. Neste tempo , o Concello da Estrada distribuíu ao redor de 20.000 disco horarios para estacionar nas prazas delimitadas en azul e outros 400 cartóns de residentes, que permiten aparcar en zona verde.

«Once anos despois de que se puxera en marcha, a xente demanda máis rúas con zona azul», apunta o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán. No momento de facer balance, lembra que xa desde a primeira semana de funcionamento do aparcadoiro de tempo limitado con sistema de disco horario comprobouse a súa efectividade para favorecer a rotación nas prazas máis céntricas da vila. «Neses primeiros días as reticencias dalgunha xente quedaron xa superadas porque se vía como había rotación nas prazas dispoñobles e como a xente entendía o funcionamento para favorecer a existencia de prazas para aparcar cando queren facer uso da zona comercial e de servizos máis céntrica da capital estradense», di.

Hai once anos, a Zona Azul da Estrada estreouse con cinco cales, ás que logo se foron sumando tres máis. Comezou en Justo Martínez, Iryda, Castelao, San Antón e Manuel García Barros, engadíndose Waldo Álvarez Ínsua, Padrón e un tramo da Avenida de América (o coincidente coa antes denominada Rúa Capitán Bernal). Xuntas ofertan máis de 200 prazas de estacionamento, nas que o usuario non pode permanecer máis dunha hora e media dentro do horario no que está en funcionamento o sistema de disco. Unha vez superado ese tempo, a normativa esixe que o vehículo se traslade a outra rúa.

Non sucede así na Zona Verde, especificamente reservada aos residentes. O estacionamento nestas prazas non está suxeito a un horario, só a ter colocada no vehículo, nun lugar ben visible, o cartón que acredita que a persoa propietaria do coche ten dereito como residente a facer uso desa preferencia no estacionamento.

«O bo funcionamento deste sistema de aparcamento fixo tamén que as multas, que loxicamente aínda as hai, se reduciran tamén considerablemente», explicou Óscar Durán.

No tocante á expansión deste sistema a outras rúas, o edil recoñece que desde o comercio local houbo solicitudes neste sentido. No entanto, aposta porque esta regulación do estacionamento camiñe da man dos procesos de humanización que promove o Concello e que compartan unha ordenación de todo o tráfico en cada unha das rúas afectadas.

A Zona Azul e a Zona verde atoparon nestes once anos aliados para o seu bo funcionamento: os aparcadoiros públicos en superficie de carácter gratuíto.