A Estrada pide que se anule o parque eólico Monte Xesteiros

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

O Concello promete aos veciños actuar para intentar frealo

06 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O proxecto do parque eólico denominado Monte Xesteiros puxo en pé de guerra aos veciños do val de Vexa, que constituíron unha plataforma que integra a todas as parroquias afectadas, abriron unha proposta en change.org para solicitar apoios telemáticos e acudiron ao último pleno para pedir o respaldo do Concello, que lles informou de que presentou un recurso de nulidade e que ante o contundente rexeitamento social fará todo o posible para intentar frealo.

Aos veciños non lles gusta nin o nome do proxecto. Din que xoga ao descoido porque na zona non existe ningún Monte Xesteiros e o Xesteiras, que está en Cuntis, non é o afectado. A quen afecta en realidade este parque é aos veciños de Frades, San Andrés de Vexa, San Xurxo de Vexa e Santa Mariña de Barcala. Nestas parroquias sitúase a poligonal, mentres que as liñas de evacuación, aínda que pouco se sabe delas aínda, suponse que discorrerán por Couso e San Miguel de Barcala.

O parque fora solicitado por Norvento no ano 2010 peros ata agosto non se presentou o anteproxecto. Entón veciños e asociacións presentaron trescentas alegacións e a a promotora eliminou dúas dos oito aeroxeradores previstos inicialmente, pola súa afección a mámoas e túmulos e o impacto visual sobre a igrexa románica de Santa Mariña de Barcala, situada a uns 800 metros.

Con todo, aos veciños non lles parece suficiente a medida. Lembran que a lexislación sobre distancias ás casas foi modificada no 2021 e estipula que os aeroxeradores han de estar polo menos a unha distancia equivalente a cinco veces a altura dos muíños. No caso do parque Monte Xesteiros os aeroxeradores miden case 200 metros. Os veciños din que, rexéndose pola nova lei, seguramente non podería levantarse un só aeroxerador nesta zona salpicada de aldeas en ambas as ladeiras. Con todo, a Monte Xesteiros aplícaselle a antiga lei que establecía unha distancia mínima de 500 metros.

Os veciños indican que en Frades hai casas que quedarán a só 700 metros do pé do muíño e subliñan que a igrexa románica de Frades quedará a 800. Están especialmente indignados con esta cuestión, xa que toda a aldea de Frades conta cunha protección patrimonial que impide levantar novas edificacións e vixía estritamente as reformas. «Nós temos que construír as nosas casas noutra aldea e unha empresa pode vir e colocar un muíño de 200 metros a 800 metros da igrexa. Só teñen que reducir o impacto visual. Como o van facer se a aldea está a 330 metros de altitude e o muíño a 515?», pregúntanse.

Os veciños tamén alertan das afeccións ás traídas de auga particulares e veciñais e dos inconvenientes da apertura de pistas para dar servizo ao parque. Presentaron recursos de alzada pedindo a paralización que están a chegar denegados e anuncian un recurso contencioso. O Concello promete apoio ata onde poida.