A Estrada afrontará o reto demográfico apostando por ampliar a oferta de vivenda

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

Miguel souto

A comisión que pediu a oposición para abordar o problema constitúese mañá

03 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A Estrada ten no despoboamento un grave problema. As últimas cifras son alentadoras, xa que por primeira vez en vinte anos o padrón local experimentou un lixeiro repunte e acadou os 21.128 veciños. Con todo, por máis empadroamentos que se pelexen en campañas promocionais, a cifra anual de defuncións no municipio xa rolda as 300 e a de nacementos está a tocar fondo cuns 120. Para frear esta tendencia e evitar a baixada de categoría como Concello de máis de 20.000 habitantes imponse tomar decisións estruturais.

Neste contexto, o Concello da Estrada decidiuse a crear unha comisión informativa dedicada especificamente a abordar o reto demográfico. A comisión, solicitada reiteradas veces pola oposición local, será constituída mañá xoves ás 19.30 horas. Na sesión abordaranse as mocións presentadas polo BNG e o PSOE. Os nacionalistas propoñen un paquete de medidas para loitar contra o despoboamento e os socialistas expoñen a elaboración dun Plan Municipal de Apoio á Natalidade como medida para frear o declive poboacional.

O alcalde estradense, José López, avanza que a vivenda será o alicerce fundamental no que se empezará a traballar para tratar de fixar poboación. Segundo constata, o elevado prezo dos alugueiros e a escasa oferta de vivenda tanto á venda como en alugueiro están freando a fixación de poboación nova. Neste sentido, o Concello actuará en varias frontes. Por unha banda, creará máis chan para edificar, buscando un incremento da oferta que redunde na baixada de prezos. O goberno local agarda poder levar a pleno nas próximas semanas a aprobación inicial do desenvolvemento da Avenida de América. A maiores, o Concello buscará fórmulas para edificar a súa parcela de 2.000 metros cadrados destinada á creación de vivenda colectiva na contorna do Mercadona e ofertar alugueiros a prezos alcanzables para menores de 35 anos.