Paula Mariño: «A obesidade é factor de risco en ata 13 tipos de cancro»

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

A nutricionista estradense investiga a relación da dieta coa enfermidade

31 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

É obvio que unha dieta e un estilo de vida saudable teñen unha incidencia importante na prevención ou tratamento de moitas enfermidades. Do mesmo xeito, a obesidade é un factor de risco en moitos casos e, segundo apuntan os últimos estudos, tamén no do cancro.

A investigadora Paula Mariño Lorenzo (A Estrada, 1987) acaba de rematar unha tese que guinda nova luz sobre este asunto. Leva por título Efecto inmunomodulador e epigenético da cetosis nutricional e dos compostos bioactivos da dieta sobre o risco de cancro asociado a obesidade.

Segundo explica a nutricionista, a obesidade é unha enfermidade crónica multifactorial que é factor de risco para determinadas enfermidades, como hipertensión, diabetes, enfermidades cardiovasculares e tamén o cancro. «Como todo o que ocorre en ciencia, aínda hai moito que investigar, pero sabemos que a obesidade produce unha inflamación crónica no organismo e xera distintos factores ou moléculas que desencadean procesos que poden ser un factor de risco para determinados tipos de cancro», explica intentando facer comprensibles as complexas relacións entre obesidade e cancro que analizou na súa investigación. «Segundo a Organización Mundial da Saúde hai ata trece tipos de cancro asociados á obesidade, como o de colon ou o de mama, que é no que se centra máis o meu estudo. Hai tempo que se sabe que existe esta relación, pero aínda está pouco estudada», conta a estradense Paula Mariño.

A súa tese organízase en tres bloques de investigación: un con mostras de pacientes sometidos a dietas e intervencións cirúrxicas de redución de peso, outro con mostras de pacientes con cancro de mama e unha pequena parte centrada no estudo en animais.

«Traballamos con mostras de pacientes en cetosis nutricional tras unha dieta cetogénica —moi baixa en calorías—. A cetosis nutricional dáse cando o corpo está privado de hidratos de carbono e utiliza outras fontes de enerxía alternativas. Tamén traballamos con outras mostras de pacientes cunha dieta baixa en calorías normal e con pacientes de cirurxía bariátrica, sometidos a operacións de redución de estómago. Avaliamos os factores inflamatorios ou o estrés oxidativo propia da obesidade. Comparamos mostras de sangue, sobre todo, e tecidos para estudar as diferenzas nos niveis de inflamación», explica. «A conclusión é que a cetosis nutricional pode modular factores do organismo e ten beneficios adicionais ademais da perda de peso. Non se pode afirmar que os pacientes cunha dieta cetogénica teñan menos risco de padecer cancro, pero si que ven mellorados os factores inflamatorios e de estrés oxidativo, que teñen relación co cancro», resume a nutricionista.

O estudo ten unha parte epigenética que constata que un peso e unha alimentación saudable poden mellorar a expresión dos xenes. A epigenética é a ciencia que estuda os cambios hereditarios e reversibles do ADN que modulan a expresión xenética pero non producen cambios na secuencia do ADN. «O compoñente xenético do cancro non é moi alto. Inflúen máis outros factores que si podemos modificar e a alimentación é un de eles», di Paula Mariño. «Nesta tese podemos avanzar que as intervencións nutricionais no contexto da perda de peso poden ter capacidade de modular epigenéticamente xenes relacionados coa carcinogénesis», explica.

Para rematar, hai unha parte do estudo que aínda está sen publicar. Trátase dun experimento in vitro con células tumorales de mama ás que se lle engaden distintos compostos para ver como se comportan co obxectivo de establecer paralelismos con humanos que seguen unha dieta determinada ou unha dieta rica nun nutriente concreto.

«Unha dieta normal e exercicio físico non curan un cancro, pero axudan a que a saúde mellore»

Paula Mariño estudou Nutrición Humana e Dietética no campus de Lugo e fixo un máster europeo en Alimentación, Nutrición e Metabolismo na Universidade de Navarra. Tras un ano traballando en Barcelona empezou a preparar a súa tese doutoral en Santiago, vinculada ao Grupo de Epigenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). A través del tivo a oportunidade tamén de empezar a traballar como nutricionista no centro de saúde da Estrada, grazas aos fondos europeos derivados á Consellería de Sanidade para potenciar este servizo. Desde hai máis dun ano atende a consulta de nutrición á que se derivan os pacientes que o necesitan e desenvolve funcións de nutrición comunitaria, con charlas ou talleres para promover bos hábitos alimentarios. Ata finais de xullo seguirá no centro de saúde da Estrada. Despois, a continuidade do servizo dependerá dos resultados, que están en proceso de avaliación pero guindan datos esperanzadores.

Na consulta local, Mariño puido corroborar que, en liñas xerais a poboación máis nova leva unha dieta máis occidentalizada que abusa máis dos ultraprocesados. «Os maiores se cadra basean moito a súa dieta na carne de porco e tenreira ou nos cocidos e limitan as verduras a grelos e repolo. Pero son máis prexudiciais os ultraprocesados que o chourizo do cocido. Normalmente, aliméntanse peor os mozos», di. O seu consello: «Unha dieta normal e exercicio físico». «Non quere dicir que iso che vaia a curar un cancro. Xa nos gustaría. Pero axuda a que a nosa saúde estea mellor», di.