A Deputación aproba fondos para A Estrada, Forcarei, Dozón e Cerdedo-Cotobade

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

23 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en xunta de goberno destinar preto de 1,12 millóns de euros para que nove concellos da provincia impulsen novos investimentos, afronten gasto corrente e contraten a 37 persoas ao amparo das tres primeiras liñas do Plan +Provincia. A Estrada, Forcarei, Cerdedo-Cotobade e Dozón son os municipios da zona beneficiarios desta repartición.

No marco da liña 1, de investimentos, a xunta de goberno aprobou 118.282 euros para a rehabilitación do edificio para uso sociocultural en Castro de Dozón.

Na liña 2, de gasto corrente, aprobáronse 216.943 euros para os concellos da Estrada e Cerdedo-Cotobade. En concreto, A Estrada recibirá 146.900 euros para o XV Campus Deportivo de Verán 2024 (51.000 euros), Estrada Escena (30.900, a 50 Festa do Salmón (22.000), Adventure Galicia (14.700), o ciclo Ruralizarte 2024 (8.100), as feiras cabalares de Pascua e San Martiño (5.900) e a Subida A Estrada 2024 (5.400). Cerdedo-Cotobade recibirá 70.043 para iluminación do Nadal, festas, excursións ou actividades culturais e deportivas.

Para rematar, dentro da liña 3, de activación de emprego, Forcarei contará con 129.342 euros para contratar 2 condutores de tractor, 2 peóns forestais, 2 peóns de obras públicas, un peón de recollida de lixo e dous albaneis.