0003_202403D10C6997
0003_202403D10C6997

O BNG propón unha plataforma para achegar ideas contra o despoboamento da Estrada

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

10 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A poboación da Estrada non para de caer desde hai máis de 70 anos. Non había tan poucos habitantes no municipio desde 1850. Entre as 16 vilas galegas con máis de 20.000 habitantes seis perderon poboación e dez gañárona. A Estrada non só está no primeiro grupo, senón que ademais é a que máis poboación perde desde 2011 (case un 8%). A maiores, o grupo de poboación de maiores de 65 anos crece de forma continuada (no 2023 era xa un 28,74% do total) mentres a poboación nova vai minguando.

Esta reflexión foi realizada este sábado polo BNG, invitando o goberno a emprender accións efectivas contra a perda de poboación.

O BNG considera que a primeira medida debería ser abrir unha plataforma na que todos os veciños poidan achegar as súas ideas para reverter o declive demográfico. «Dúas cabezas pensan máis ca unha e 20.013 pensan máis ca 13», din os nacionalistas.

O BNG tamén achega propostas propias. En canto ao emprego, suxire incrementar o chan industrial público e crear unha oferta atraente, establecendo, por exemplo, a moratoria do alugueiro ata a consolidación da actividade empresarial. Propón tamén crear micro polígonos industriais na zona rural para favorecer o asentamento de pequenas e medianas industrias, implementar medidas fiscais ou promover canles de comercialización directos.

En canto á vivenda, o BNG aposta por solicitar á Xunta a construción de vivendas de promoción pública, por un novo parque de vivenda público construído ou rehabilitado polo Concello e por unha bolsa pública de vivendas ou locais en alugueiro.

Os nacionalistas tamén reclaman mellores servizos. Piden un servizo municipal específico para axudar aos veciños cos trámites administrativos, ampliar profesionais e servizos nos centros de saúde, crear no punto limpo un punto de reparación, troco ou intercambio ou crear unha rede municipal de transporte público e unha «cousateca» ou punto local de préstamo.

Para rematar, o BNG propón accións para conciliar e para favorecer o goce do lecer, como habilitar un centro cívico intergeneracional.