Case unha cincuentena de aldeas na zona están deshabitadas

David Cofán Mazás
David cofán A Estrada, LALÍN / LA VOZ

A Estrada

Miguel Souto

O número non variou respecto ao ano pasado, sendo A Estrada o concello con máis núcleos baleiros. Son 28 aquelas en as que só vive unha persoa

29 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

As comarcas do interior de Galicia son as máis afectadas o fenómeno do despoboamento, especialmente nos núcleos do rural. As aldeas perden veciños ano tras ano e son os centros urbanos os que acumulan cada vez máis poboación. Segundo os datos que ofrece o Nomenclátor do Instituto Nacional de Estatística (INE), a día 1 de xaneiro do 2023 son 47 os núcleos de poboación de Deza e Tabeirós nos que non vive ninguén, mentres que suma 28 aqueles que se atopan habitados polo menos por unha persoa.

Por concellos é A Estrada o que máis aldeas baleiras ten. Son un total de dez. Séguelle Silleda con nove, Rodeiro e Agolada con oito, Lalín con seis, Forcarei con tres, Vila de Cruces con dúas e Dozón cunha. Cifras similares ás do anterior rexistro, con escasos cambios nalgúns lugares como o lalinense Anseán, onde non figuraban veciños no 2022 e a día de hoxe viven catro persoas.

Como no caso anterior, é na Estrada onde hai máis aldeas nas que vive unha persoa. Son nove: Paraxó, O Río, Outeiriño, O Regueiro, Bugalleira, A Abelleira, O Rego, O Alderido e A Casa do Monte. En Lalín son seis as persoas que viven sen compaña no rural, fano en Casas Vellas, San Martiño, Navallo, Castiñeira, Goleta e Pedrouzo. En Silleda rexistráronse catro: Rabo de Gato, Veiga, Currelo e Fontelas.

O mesmo sucede en Vila de Cruces: Barrio, Armada, Outeiro e Brandariz. Tres aldeas cun habitante atópanse en Rodeiro: San Xoán de Camba, Villarabid e Barbeitos. En Agolada son dous: Martiña e As Penelas; e en Dozón Embeande e Bouzas. Por contra, en Forcarei non ten núcleos con estas características.

Éxodo rural: Todos os centros urbanos gañaron poboación no último ano

A poboación dos núcleos urbanos das comarcas hase visto aumentada no último ano en 509 persoas. Hai anos que se está producindo un paulatino éxodo do rural ás áreas urbanas da zona. Un feito destacable, xa que a diferenza doutros concellos galegos, coa excepción de Lalín, en todos os demais hai máis persoas vivindo no rural que nos núcleos urbanos.

Dese medio milleiro, 243 rexistráronse en Lalín, que pasou a sumar no seu centro urbano 11.399 habitantes. Excluíndo a poboación total da parroquia, só o centro urbano congrega a máis da metade dos habitantes do municipio, sendo con diferenza o que máis veciños gañou máis veciños de toda a zona. De feito, é o crecemento na vila o que contribuíu a aumentar poboación no último ano, xa que 36 parroquias perderon habitantes e só 8 viron incrementada a súa poboación.

Na Estrada o centro urbano experimentou un crecemento de 78 persoas, pasando de 8.301 habitantes a 8.379. Un caso singular, xa que a maioría dos seus 20.081 veciños viven nas parroquias do rural. Silleda está preto de romper a barreira do 50 % e contabilizar máis veciños nos núcleos urbanos que nas aldeas. No 2023 gañaron 76 habitantes: Silleda pasou de 3.489 a 3.552 e A Bandeira de 852 a 868, o que supón que entre ambas sumen 4.420 dos 8.876 veciños do concello.

Vila de Cruces gañou 62 habitantes, acadando os 1.274. No núcleo viven o 25 % dos cruceños (5.082). Pola súa banda, en Forcarei o núcleo homónimo e Soutelo de Montes gañaron 30 habitantes. O primeiro suma 475 e o segundo 420. Xuntan o 28 % do total municipal. Así mesmo, Rodeiro gañou un veciño (342), Agolada quince (429) e Castro, o principal núcleo de Dozón, acadou os 117.

En Lalín a poboación urbana supón case o 60 % e na Estrada non chega á metade

Aínda que progresivamente os núcleos urbanos estean a gañar protagonismo poboacional, só en Lalín en Lalín representan máis da metade do total de habitantes. Se só atendemos ao núcleo urbano, este conta con 11.359, o que supón máis do 55 % da poboación municipal. Sumando todos os veciños da parroquia, ascenden aos 11.748 habitantes, superando o 57 % dos 20.282 lalinenses que fixa o IGE.

Na Estrada a maioría dos seus 20.081 veciños viven nas parroquias do rural, sendo 8.379 os residentes no casco. Iso supón que un 41,7 % dos habitantes atópanse no núcleo urbano. A parroquia de San Paio, engadindo as áreas de Figueroa, aumenta a poboación ata os 9.591 veciños, en torno ao 48 % do concello. En Silleda acadan o 49,8 % do total as persoas que residen na Bandeira e Silleda.