A Estrada sementa paz nos seus colexios

Rocío García Martínez
rocío garcía A Estrada / LA VOZ

A Estrada

cedida

O Día da Paz celebrouse con camiñadas solidarias, talleres sobre emocións, xornadas intergeneracionales e manifestos contra o racismo

31 ene 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A Estrada envorcouse este martes na celebración do Día da Paz. É obvio que non servirá para acabar coas guerras, pero polo menos axudará a sementar a semente da concordia nas xeracións que veñen.

No CEIP do Foxo paces e ecoloxía déronse a man este martes coa celebración dunha ruta solidaria a favor da asociación Adega. Cada curso elaborou un mural destacando as accións deste colectivo en defensa do medio ambiente e ademais confeccionouse un mural conxunto con carteis e postais de paxaros da contorna elaborados no taller de imprenta móbil celebrado no centro. A xornada culminou cunha camiñada polo recinto escolar na que os alumnos dos cursos superiores explicáronlle aos máis pequenos os murais. Cada familia colaborou cunha achega económica e o CEIP logrou reunir 475,54 euros a favor da organización ecoloxista.

Namentres, no colexio de Figueiroa os alumnos tiveron a oportunidade de traballar as emocións e a resolución de conflitos. Coa actividade As nubes dos sentimentos os pequenos expresaron as súas emocións positivas e negativas dunha forma lúdica. As positivas, colgáronas dunha nuble branca en forma de palabras, frases ou debuxos. Coas negativas fixeron o mesmo, suspendéndoas dunha nube negra coa esperanza de que pronto despexe. O centro, que este ano se sumou ao proxecto Escolas sen Racismo, tamén confeccionou un mural baseado no conto infantil Azul coma o ceo, amarela coma o sol, co que se traballou na aula as emocións e a resolución de conflitos, buscando unha escola máis inclusiva e respectuosa.

Da rede de Escolas sen Racismo, promovida pola Asemblea de Cooperación pola Paz, tamén forman parte na comarca o IES Chano Piñeiro de Forcarei e o IES Antón Losada Diéguez, no que este martes se festexou a paz coa lectura pública dun manifesto. Con el subliñouse que a diversidade é riqueza e que calquera tipo de discriminación —sexa pola cor da pel, o idioma, a relixión, a orientación sexual, o xénero, a discapacidade ou a nacionalidade— é inaceptable, xa que crea división e conduce ao odio entre as persoas. Os alumnos comprometéronse a combater calquera forma de discriminación, tomando as medidas necesarias para garantir unha convivencia plural.

Tamén a escola infantil Elfos celebrou a paz. Fíxoo cunha xornada de convivencia intergeneracional entre os nenos da aula de 2 a 3 anos e os maiores do centro de día de Agadea. Nenos e anciáns colaboraron na elaboración dun mural conxunto con forma de pomba xigante no que foron colocando pequenas pombas para ilustrar o famoso lema de Mahatma Gandhi: «Non hai camiño para a paz. A paz é o camiño».