Buscan paredes con pintadas para embelecelas con grafitis sen custo para os propietarios

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Miguel souto

05 ene 2024 . Actualizado á 05:00 h.

No seu afán por embelecer A Estrada, o colectivo Ocionautas, en colaboración co Concello da Estrada e coa asociación xuvenil The Blank Space, iniciou unha nova campaña de erradicación das pintadas vándalas que nutren os muros do centro urbano. No marco da programación da iniciativa Atacamos non Nadal, os mozos estradenses afeccionados ao grafiti ofrécense a decorar con grafitis artísticos as paredes deterioradas con pintadas. A actuación require o consentimento dos propietarios dos inmobles cuxas paredes vaian decorarse. No entanto, non ten custo ningún para eles.

Segundo explica Annie Sánchez, portavoz do colectivo Ocionautas, as persoas que teñan paredes con pintadas teñen que asinar un contrato que non lles compromete máis que a permitir a realización do grafiti, establecéndose un prazo concreto para a execución. Eles mesmos poden escoller o deseño dentro dun catálogo con varios modelos que lles mostrarán os mozos artistas.

Sánchez avanza que, aínda que a campaña de embelecemento dos muros comezará estas vacacións, a idea é estendela durante todo o ano. A meta é desterrar o feísmo urbanístico derivado das pintadas malsoantes, facer un pobo máis bonito e darlle aos afeccionados ao grafiti un lenzo para as súas obras.