A Estrada acolle a reunión para coordinar o control das medidas anticovid en Pascua

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

cedida

01 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

O Centro Integrado de Atención á Emerxencias de Galicia (CIAE) da Estrada acolleu este mércores a reunión decisiva para coordinar as actuacións que levarán a cabo as forzas e os corpos de seguridade en territorio galego para controlar o cumprimento das medidas de prevención anticovid durante a Semana Santa.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou onte na reunión semanal da Sala de Control de Operativos entre a Xunta e representantes das forzas e corpos de seguridade e efectivos de urxencias. Na reunión participaron tamén o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para explicar a situación sanitaria, ademais do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo; o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal; así como responsables da Policía Nacional en Galicia, da Garda Civil e os servizos de urxencias.

O obxectivo do encontro era coordinar os esforzos nestes días centrais de Semana Santa para controlar o cumprimento das medidas de prevención ante o covid-19, tales como o peche perimetral da comunidade, o toque de queda, as capacidades nos establecementos abertos ao público ou o uso obrigatorio da máscara.

No encontro acordouse redobrar os dispositivos. Rueda destacou que a vixilancia e unha maior presenza policial estes días son fundamentais para velar polo cumprimento das normas e detectar comportamentos irresponsables. Apelou á responsabilidade individual.