A Estrada pecha 2019 con 700.000 euros de superávit

La Voz A Estrada / LA VOZ

A Estrada

MIGUEL SOUTO

28 sep 2020 . Actualizado ás 20:53 h.

O Concello da Estrada fixo públicos este luns os datos da Conta Xeral do 2019, que guindan un remanente de tesourería para gastos xerais de 2.193.814 euros e un superávit de máis de 700.000 euros. Segundo explica o edil de Facenda, Alberto Blanco, o fundamental é o mantemento da estabilidade orzamentaria. A liquidación do 2019 incumpriu o teito de gasto como consecuencia do aumento do investimento, o que en principio obrigaría a acometer un Plan Económico Financeiro que foi anunciado ao Ministerio de Facenda. No entanto, trátase dun mero formalismo, xa que Intervención considera que ese Plan Económico Financeiro non será necesario porque o gasto quedará autorregulado mediante a execución do orzamento deste ano, que en realidade é o prorrogado do 2019. Ademais, o goberno central anunciou que no 2020 suprimirase o teito de gasto.

O orzamento inicial do 2019 era de 13.236.900 euros e o definitivo acadou os 22.871.589 euros. Incrementouse en máis de 9.600.000 euros sobre o orzamento inicial, o que segundo Blanco «pon de manifesto a capacidade de obter recursos máis aló do orzado, deixando os investimentos nunha cifra total de 8.721.817 euros». O grao de execución orzamentaria foi do 78,10 %. «Este grao de execución é satisfactorio tendo en conta que o 100 % é imposible ao existir proxectos plurianuais», di o edil de Facenda.

A porcentaxe de pagamentos líquidos sobre obrigacións recoñecidas (17.862.809 euros) foi do 99,14% e o aforro neto ascendeu a 1.008.450 euros.

A presión fiscal por habitante, das máis baixas

Blanco presume de ter pechado o 2019 con excelentes resultados, mantendo conxelados os impostos e as taxas e cunha presión fiscal das máis baixas de Galicia, de 298 euros por habitante. En Lalín está en 442 euros, en Silleda en 411 e en Agolada en 451. O endebedamento por habitante é de 164, 33 euros.