Galicia perdería hoxe 18 edís, e outros 56 penden dun fío

c. p. VIGO / LA VOZ

A Estrada

15 jun 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Nas eleccións municipais do ano pasado Galicia elixiu 47 concelleiros menos que na cita electoral do 2015. E no que vai de mandato do actual, sete concellos xa baixaron por perda de poboación un chanzo na asignación de edís, o que de manterse faralles perder 18 edís nos comicios locais do 2023. Pero ademais, de repetir a tendencia poboacional rexistrada no mandato anterior, outros 26 concellos tamén verían reducidas as súas corporacións en nada menos que 56 actas de concelleiras, situación que a maiores, e a pouco que se incremente o ritmo de perda de veciños, afectará a tamén a outros 32 edís de 18 municipios máis.

A crise demográfica que atravesa Galicia desde hai décadas déixase notar así na representación política da comunidade, que xa perdeu catro escanos tamén no Congreso desde a recuperación da democracia.

Rechamante é o caso de Foz, unha das corporacións que hoxe perdería catro concelleiros, segundo o padrón vixente a 1 de xaneiro do 2019. Tras gañar catro postos nas últimas eleccións ao superar a barreira dos 10.001 habitantes, agora volveríaos a perder ao caer de novo por baixo do devandito limiar. A mesma perda consignaríase na Guarda ao baixar a 9.977 veciños.

De 11 a 9 concelleiros evolucionarían neste momento e se non cambian a súa progresión demográfica, tras baixar dun padrón de 2.001 residentes, tanto Boimorto como Antas de Ulla, O Valadouro e Nogueira de Ramuín. E tamén quedaría sen dous representantes Castrelo do Val, que de nove edís pasaría a sete ao baixar dos 1.001 residentes necesarios para manter a dimensión da súa corporación.

O municipio ourensán da Arnoia, que cedeu dous representantes nas anteriores municipais por só seis veciños, estaría agora a un só de volver recuperar as nove actas de outrora.

Localidades como Camariñas, Cerceda, os fusionados Oza-Cesuras, Folgoso, Pedrafita, Entrimo, A Pobra de Trives, Crecente ou Dozón están xa no grupo que se repite no actual mandato unha perda de veciños similar á sufrida no anterior deixarían de contar con dous concelleiros en cada caso, que mesmo serían catro menos nos casos das Pontes e A Estrada, ao correr o risco de baixar de 10.001 veciños no primeiro caso e de 20.001 no segundo, municipio que chegou a ser no ano 1900 o terceiro máis poboado de Galicia e o cuadraxésimo de España.