A pensión media situouse na zona o ano pasado en 733 euros

Rocío Perez Ramos
Rocío ramos LALÍN / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

Son case 200 euros menos que a media galega, que se sitúa por amais dos 930

11 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Os prezos soben pero as pensións seguen sen ser para botar foguetes. A media na zona durante o ano pasado sitúase en 733,35 euros fronte aos 706,92 euros do 2017. Unha cantidade que se sitúa case douscentos euros por baixo da media galega, en concreto son 196,65 euros por baixo dunha media que en Galicia se sitúa nos 930,58 euros e 236,77 euros menos que a pensión media na provincia de Pontevedra que, segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE) foi de 970,12 euros no 2018.

Por concellos, os xubilados que perciben unha renda maior de media son os de Cerdedo-Cotobade cunha pensión media de 842,01 euros. Son os únicos que pasan dos 800 euros de media. Séguelle A Estrada cunha pensión media de 770,09 e Lalín písalle os talóns con 765,28 euros.

Os que menos cobran serían os de Rodeiro onde a pensión media ascende a 666,36 euros. Un pouco máis alta é a media en Dozón con 685,72 euros e en Forcarei con 684,48 euros de pensión media. Despois da Estrada e Lalín, o terceiro posto do podio sería para Silleda. Neste municipio as pensións son de 745,55 euros de media. Unha cifra similar á que se rexistrou en Vila de Cruces con 722,78 euros de media, mentres que en Agolada se cifra en 717,88 euros.

Unhas cantidades que, en xeral, evidencian a situación dunha zona maioritariamente rural na que predominan as pensións agrarias, culpables en moitos casos de que as pensións queden por baixo do salario mínimo, situado agora en 900 euros.

Envellecemento

O envellecemento da poboación fai que cada ano se incremente un pouco o número de pensionistas e xubilados nas dúas comarcas. Son en total nos nove concellos da zona, incluído o de Cerdedo-Cotobade, 20.414. Destes máis da metade, 11.480 achéganos os seis concellos da comarca de Deza. Un total de 1.831 son de Cerdedo-Cotobade. A Estrada é o municipio dela zona que conta cun maior número de habitantes e tamén é o que máis pensionistas ten. Son 5.718 fronte aos 4.971 que achega Lalín. Á cola está Dozón, que tamén é o concello con menor poboación, e que ten rexistrados 386 xubilados que cobran. En Agolada e en Rodeiro as cifras son similares. Son 909 de Agolada e 965 de Rodeiro. Forcarei conta con 1.385, Silleda con 2.468 e Vila de Cruces con 1.781 euros.

Un ano antes, no 2017, o número de pensionistas en Deza ascendía a 11.469, once menos que no último ano. Na Estrada, o número de pensionistas era de 5.732. No último ano a contía media das pensións incrementouse respecto ao 2017 en todos os concellos. En Cerdedo-Cotobade a media situábase nos 806,87 euros; en Agolada era de 697,47 euros, de 661,28 euros en Dozón e de 740,91 euros no municipio da Estrada.

En Forcarei a pensión media no 2018 era de 667,21 euros, de 737,26 euros en Lalín, de 634,46 euros en Rodeiro e de 716,24 euros en Silleda, mentres que no concello de Vila de Cruces a media situábase en 700 euros redondos aos que había que sumar 59 céntimos. Unhas contías que non dan para moito.

20.414

Total

Son 20.414 pensionistas nas dúas comarcas

11.480

Deza

11.480 son de Deza e 7.103 da Estrada e Forcarei

1.831

Cerdedo-Cotobade

Un total de 1.831 son do concello de Cerdedo-Cotobade

Un total de 194 veciños das comarcas cobran a Risga ou axudas de inclusión social

O Instituto Galego de Estatística cifra en 194 as persoas das dúas comarcas que o pasado ano cobraban a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) ou axudas de inclusión social (AIS). Destas 194, 105 eran mulleres e 89 homes. Deza achega 128 beneficiarios destas axudas, neste caso as mulleres son un número moito maior con 73 beneficiarias fronte a 55 homes.

A estas cifras hai que sumar 15 de Cerdedo-Cotobade, dos cales son 7 homes e 8 mulleres. Na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, o IGE contabilizaba 51 beneficiarios. Eran 27 homes e 24 mulleres. O groso, que neste caso son 48 persoas, eran do concello da Estrada como unha repartición case igual entre sexos con 25 homes e 23 mulleres que percibían estas axudas, En Forcarei só había tres, dous homes e unha muller, neste caso. Uns datos, todos eles, fornecidos ao IGE pola Consellería de Política Social e feitos públicos recentemente.

Por concellos rexistrábase un total de dez persoas beneficiarias no municipio de Agolada, sete homes e tres mulleres e unha soa persoa en Dozón, neste caso unha muller.

Lalín é o municipio da zona que conta cun maior número de beneficiarios deste tipo de prestacións na zona. Eran 96, 39 deles homes e 57 mulleres e 10 en Silleda, cinco homes e outras cinco mulleres, aos que se suman once no municipio de Vila de Cruces, catro homes e sete mulleres. O marcador do Concello de Rodeiro é o único no que nesta estatística do IGE o contador figura a cero.