Só 38 dos 61 concellos xa pediron a Medio Rural convenios de incendios

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

A Estrada

P.CHAPELA

Achegarán a colaboración de 20 brigadas propias e outras tantas motobombas

10 jun 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Co verán ás portas e uns saltos de temperaturas que xa trouxeron días de calor infernal, os concellos teñen a vista posta nos incendios forestais. A Consellería de Medio Rural abriu xa o prazo para a solicitude dos convenios de incendios que son xa un clásico do verán. Non hai cambio respecto doutros anos e mantéñense os destinados á creación de brigadas propias municipais, os convenios para ofrecer motobombas municipais que se suman á loita contra os lumes forestais e os que achegan axudas para a realización de rozas, especialmente en zona da Rede Natura.

De momento só 38 dos 61 concellos da provincia de Pontevedra cursaron peticións. Todos foron aprobados, pero aínda son provisionais pendentes de rúbrica por ambas as partes. Desde a consellería apuntan que existe flexibilidade cos tempos e que todas as solicitudes se aceptan, polo que aínda poderían incorporarse máis, sobre todo tendo en conta que acaban de ter lugar unhas eleccións municipais e nalgúns concellos puideron querer deixar a decisión en mans das novas corporacións. Esa flexibilidade é tamén bidireccional e advirten que, do mesmo xeito que se poden incorporar máis, pode darse o caso tamén de que finalmente algún concello renuncie a algún.

Os concellos da Estrada e o de Cerdedo-Cotobade son os únicos da provincia que contarán, de momento, con dúas brigadas municipais de incendios. Os dous subscriben os tres convenios. A Estrada convenia dúas motobombas e Cerdedo-Cotobade, unha. Son poucos os concellos que fan pleno e solicitaron os tres convenios. A estes dous súmanse Cuntis, Forcarei, Lalín e Poio. Todos eles achegarán cada un unha brigada e unha motobomba que colaborará cos efectivos de extinción de incendios dos respectivos distritos forestais de cada zona.

Tamén contratarán aos integrantes dunha brigada de incendios os concellos de Baiona , Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Cañiza, Fornelos de Montes, Moraña, Mos, Nigrán, Pontecesures, Portas, Valga , Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. Por agora, xa están solicitadas este verán 20 brigadas municipais contra incendios en toda a provincia.

No caso das motobombas prodúcese un empate e son 20 tamén as ofrecidas polos concellos á Xunta. Ás dúas da Estrada, só lle gaña Mos, que conveniará o uso de tres. O resto achega unha. Son os concellos de Agolada , Cangas, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Dozón, Forcarei, Lalín, A Lama, Moaña, As Neves, Oia, Poio, Portas, Sanxenxo e Silleda.

Son máis, un total de 26, os concellos que solicitaron a Medio Rural as axudas encadras dentro do convenio de rozas. Pedírono os de Agolada, Arbo, Caldas de Reis, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, O Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, O Grove, Lalín, Moraña, As Neves, Poio, Ponteareas, Ponche-Caldelas, Rodeiro, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Valga , Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Será o único convenio que teñan, por agora, os concellos de Vila de Cruces, de Vilaboa, de Salceda, do Rosal, de Rodeiro, de Ponte Caldelas, do Grove e de Arbo. En cambio non o demandaron os de Baiona, Campo Lameiro, Cangas, Fornelos de Montes, A Lama, Moaña. Mos, Nigrán, Oia, Pontecesures, Portas e Sanxenxo, que si pediron outros. Entre os gobernos locais, ano tras ano, hai quen reivindica que facer fronte aos incendios forestais é competencia da Xunta e demanda un maior financiamento. Outro argumento que se repite, por parte dalgúns alcaldes, é o feito de que subscribir acordos pode levalos a deixarlles sen medios cando fan falta. Poñen o exemplo das brigadas ou as motobombas, que acoden a colaborar co persoal da Xunta en caso de incendio a municipios próximos polo que algúns rexedores entenden que pagan para que se beneficien outros. Pola contra, outros defenden que é necesario botar unha man e facer todo o posible por acabar con esta secuela para o monte.

«Mantemos un equipo propio e non podemos depender de fora»

OGrove é un dos concellos máis pequenos en extensión. Iso non quita, como explicaba o seu alcalde, José Antonio Cacabelos, que non se produzan incendios. Son, apunta, «22 kilómetros cadrados pero temos a 30.000 persoas en xullo e agosto, monte cerca dos hoteis e 30 praias que atender». O Grove, só ten solicitado á Xunta o convenio de rozas. Non terá, do mesmo xeito que estes últimos anos, nin brigada nin conveniará as súas motobombas.

A razón, apunta, é a reivindicación dun GES propio e a correspondente subvención que levan reclamando de forma insistente á Deputación, a Fegamp e á Xunta. Cacabelos defende que «temos 12 persoas no equipo de emerxencias e dotación» e que tal e como están agora non poden depender dos medios de fóra indicando que «sempre fan eses estudos das isócronas, pero logo a realidade é outra e a teoría non nos vale». Di que «os nosos medios tardan menos de cinco minutos en chegar a un incendio pero si temos que esperar por Sanxenxo ou os do Salnés, é mellor rezar» e cifra entre 45 minutos e unha hora a espera. Xa tiveron varios conatos que salvaron grazas a unha rápida actuación e lembra que «Sanxenxo ten non verán 100.000 persoas e O Salnés entre 150.000 a 200.000». Invisten, di, 400.000 euros ao ano en manter o grupo municipal de urxencias e colaboran cos concellos veciños «sempre que podemos» pero trátase, apunta, de priorizar a atención en casa.

«É fundamental colaborar e nos non escatimamos esforzos»

O Concello da Estrada é un dos que conta con máis convenios subscritos. O único, de momento, na provincia que contrata dúas brigadas propias contra incendios e ten conveniadas tamén unha motobomba e un camión abastecedor. O alcalde, José López, reivindica que «é fundamental colaborar e nos non escatimamos esforzos».

Apostan, di, «tanto pola prevención como por contar con medios para a extinción». É, en extensión, un dos concellos máis grande da provincia e entre os medios que achegan inclúen 19 persoas do grupo de Emerxencias que inclúe o GES. A estes engaden no verán dúas brigadas de cinco cos correspondentes condutores, que suman 14 traballadores,

Aos tres convenios clásicos de incendios, López suma o labor de limpeza das franxas a 50 metros dos núcleos e a pelexa cos veciños para que eses traballos leven a cabo. Destaca «a singularidade tan especial que temos con moitas fincas das que non se sabe o dono, as propiedades de xente que está na emigración ou as que forman parte de herdanzas aínda non repartidas de avós, bisavós ou tataravós» que se suma a «un rural cada vez máis abandonado» co perigo que supón.

Cre que «as emerxencias non son suficientemente valoradas pola xente, pero é unha das funcións máis importantes das administracións». Aínda que si cre que, afortunadamente, entre os veciños cada vez hai máis sensibilización ambiental.

O lume xa calcinou varias hectáreas na provincia nas últimas semanas

Nas últimas semanas o lume xa foi noticia na provincia. O 2 de xuño, un calcinaba 3,5 hectáreas en Cuntis e ameazaba unha hípica. Ese mesmo día de madrugada ardía por segunda vez a zona de monte da rúa Xabreira, en Carril. En Vigo, a primeira fin de semana deste mes, a Policía Local contabilizaba trece incendios, a metade forestais con danos a montes en Madroa e Beade, aínda que de escasa entidade.

Na Cañiza unha «broma» dun veciño que empezou queimando unhas herbas cun chisqueiro calcinou tres hectáreas. A finais de maio producíronse tres lumes forestais en Vilanova e Vilagarcía. Mentres, en Lalín, o 25 de maio, ardían 5,4 hectáreas de arboledo nun incendio que contou cun gran despregamento de medios pero que o vento axudou a propagar con rapidez.