O 112 xestionou a atención de 230.000 incidencias no 2018

Javier Benito
j. benito A Estrada / LA VOZ

A Estrada

miguel souto

A súa sede da Estrada recibiu a visita de case 600 persoas

19 ene 2019 . Actualizado ás 21:04 h.

O servizo do 112 Galicia, cuxa sede se atopa na actualidade na Estrada, atendeu case 970.000 chamadas vinculadas a urxencias durante o pasado ano, ademais de facer fronte a un total de 230.000 incidencias. Estas situacións implicaron mobilizar desde bombeiros a grupos de intervención e urxencias, xunto con voluntarios de Protección Civil, axentes de seguridade e profesionais sanitarios, xunto con persoal de mantemento e limpeza de estradas. En concreto actuaron en 390.000 ocasións.

A maior parte das 230.000 incidencias xestionadas no 2018, en concreto o 31 %, estiveron relacionadas coa prevención de riscos, extinción de incendios e salvamento, rescates e accións de Protección Civil. Mentres, o 30 % corresponderon a asistencia sanitaria; un 16 % por avisos de animais soltos que supuñan perigo para a circulación e a aparición de niños de avespas velutinas; un 13,5 % por seguridade cidadá; e un 9,5 % en accidentes en estradas.

Presenza en simulacros

Desde o 112 Galicia colaborouse ademais este pasado exercicio nun total de 214 simulacros para que a cidadanía se familiarice cos sistemas de aviso e as medidas de autoprotección ante casos de urxencias graves ou catástrofes. A maioría foron na provincia da Coruña, con 137, fronte aos 49 de Pontevedra, 18 de Ourense e 10 de Lugo.

Por outra banda, a páxina web www.axega112.org, recibiu 1,2 millóns de consultas. Os internautas puideron coñecer as incidencias máis importantes de cada xornada, as alertas meteorolóxicas activadas así como consellos e recomendacións para minimizar riscos para a poboación que poidan causar esas situacións. Respecto das alertas polo tempo, remitíronse avisos a organismos públicos e entidades privadas tanto por SMS, 187.000 no 2018, como por correo electrónico, con case 60.000, mentres máis de 9.000 foron a través do envío de fax.

As instalacións do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia da Estrada recibiron a preto de seiscentas persoas nas súas instalacións. Visitas que incluíron desde escolares a colectivos sociais e profesionais a membros de organismos públicos de Galicia e Portugal, xunto con efectivos do Exército e doutros 112 de países europeos.