
O Lalín Area viviu onte toda unha festa do baloncesto coa primeira edición do Torneo Quilómetro 0, promovido polo Basketdeza con motivo das patronais dAs Dores. Sobre a cancha dúas dos equipos punteiros galegos, no último amigable antes de comezar a liga en Primeira FEB, o Leyma Coruña e o COB Ourense, que congregaron a centenares de afeccionados nas bancadas, entre eles moitos seareiros de ambos os clubs que animaron en todo momento. O duelo decantouse a favor dos coruñeses por un axustado 72-76, cos ourensáns actuando como locais.
O partido estivo bastante igualado en todo momento, sen que ningún dos dous equipos lograsen marcharse no marcador. Ao termo do primeiro cuarto si que houbo unha vantaxe significativa para o Leyma Coruña, de dez puntos cun 14-24, pero reaccionou o COB no segundo cun parcial ao seu favor de 25-18 que lles levou ao descanso só tres puntos por baixo e con todas as opcións abertas.
Tras o descanso mantívose a igualdade, cos coruñeses levándose o segundo parcial dun punto e irse ao definitivo con catro ao seu favor e todo por decidir. Un último período equilibrado onde o Leyma Coruña logrou manter a súa vantaxe ante os intentos de remontada do COB Ourense, para acabar con ese 72-74 final.
Nas filas coruñesas destacou Caio Pacheco con trece puntos e catro asistencias, mentres polos ourensáns a principal figura en ataque foi Carlos Jürgens, con dezaseis puntos e unha asistencia no seu haber. O torneo deixou bo sabor nos organizadores, cunha afluencia de público aceptable, polo que pode haber continuidade da iniciativa do Basketdeza no futuro.