O Estradense reforza o ataque coa fichaxe do dianteiro sevillano Iván Martín
DEZA

O Estradense xa disputou dous partidos de liga e pechou a súa participación copeira pero aínda acaba de dar un último retoque ao seu persoal. Salvo sorpresa, o novo reforzo para o ataque será o último para afrontar a tempada. Desde terras sevillanas chega Iván Martín Gómez (Villaverde del Río, 1995). Un dianteiro centro que recala na entidade rojilla procedente do Club Deportivo Internacional de Sevilla, de Terceira Federación, onde militou a pasada tempada.
Con 1,84 metros de altura, este dianteiro de dilatada traxectoria aos seus trinta anos xa conta incluso con experiencia internacional e tamén xogou en Galicia. En concreto fíxoo no Pontevedra, na entón Segunda División B na campaña 2017-2018, así como no Compos na 22-23 en Segunda Federación. Entre medias desas dúas estancias galegas estivo en senllos equipos de Polonia, primeiro no Odra Opole de Segunda División e despois no Podbeskidzie Bielsko, nesa mesma categoría e co que subiu a Primeira, onde estivo unha campaña, para despois regresar a España, en concreto ao Linense.
A pasada tempada na capital hispalense disputou doce partidos sen que materializase ningún gol. Onte foi presentado na Estrada, confiando na súa rápida integración no equipo.
Bo sabor de boca a pesar de caer en Copa ante o Bergantiños
O pasado mércores o Estradense caía eliminado na fase nacional da Copa Federación ao caer por 2-1 no campo do Bergantiños. Un duelo onde os rojillos só sucumbiron no último minuto da prórroga, nun gol onde pecaron de certa inexperiencia. Pero a participación na competición sen dúbida deixou un bo sabor de boca, xa que foron competitivos ante un rival de superior categoría. Cando xa se rozaban os penaltis, onde todo podía ocorrer, quedaron ás portas desa posibilidade e do soño de seguir vivos para clasificarse para a Copa do Rey. Agora tócalles chegar nas mellores condicións ao duelo de liga.