Programan para o domingo 21 unha limpeza do río Umia ao seu paso por Ribela

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

16 sep 2025 . Actualizado á 05:00 h.

A Asociación de Veciños e Amigos de Ribela (A Estrada) sumouse este ano á campaña de limpeza simultánea dos ríos galegos Móllate polos ríos. O colectivo solicitou a colaboración cidadá para localizar zonas do río Umia ao seu paso por Ribela que puidesen contar con verteduras de lixo. A asociación confía en que, ao tratarse dun tramo próximo ao nacemento do río, non se acumulen demasiados residuos na canle. No entanto vixiará e retirará os posibles restos de lixo que puidesen atoparse nas marxes.

A xornada de limpeza, que se desenvolverá este domingo de 10.30 a 13.00 horas, concíbese tamén como unha actividade de concienciación sobre a importancia do coidado do medio natural. Ademais, pretende dar a coñecer as rutas fluviais da parroquia, os estanques, os muíños, a fábrica da luz, as antigas zonas de baño, as pontes e as fervenzas. No futuro, ao colectivo gustaríalle tamén recuperar a senda do río desde Ponte de Leira ata a Fervenza do Regueiro de Esqueiro.