
A Confraría da Santa Cruz recoñece o apoio da Policía Local, Aluminios Campos e Florería San Pelayo
14 sep 2025 . Actualizado á 20:27 h.A Confraría da Santa Cruz da Estrada aproveitou este domingo a celebración litúrxica da Exaltación da Santa Cruz para render tributo ás persoas e entidades que coa súa colaboración desinteresada están a contribuír ao engrandecimiento da Semana Santa estradense.
Desde a creación da confraría, no ano 2015, a Semana Santa estradense gañou vistosidade e presenza nas rúas. Fíxoo grazas ao traballo dos confrades numerarios, pero tamén ao dunha ampla rede de colaboradores. Entre eles atópanse os tres aos que a Confraría da Santa Cruz brindou un recoñecemento público este domingo: a Policía Local, Aluminios Campos e Florería San Pelayo.

Da Policía Local, a confraría destacou «a súa vocación de servizo público, a súa paciencia cos cidadáns e a súa inestimable colaboración para que as nosas tradicións discorran coa normalidade e solemnidade que merecen».

De Aluminios Campos, o seu «compromiso co pobo» e o seu apoio firme e decidido ás iniciativas locais e, da Florería San Pelayo, a arte e delicadeza que impregnan os seus traballos e a súa contribución «para crear un ambiente de fe e beleza».

O presidente da confraría, Ignacio Costoya, interveu ao final do acto para facer extensivo o agradecemento a todos os colaboradores anónimos da entidade, que constitúen «a alma silenciosa pero fundamental da Semana Santa».