O Estradense está nunha nube e non quere baixar dela. O conxunto rojillo regresa este domingo á competición doméstica despois da histórica vitoria na fase nacional da Copa Federación ante o Covadonga. O seu rival será un recentemente ascendido, o Mocidade de Cambados, a partir das 17.00 horas, viaxando coas ausencias de Ángel, Padín e Álex.
A principal preocupación para o equipo adestrado por Manuti é a fatiga, principal interrogante ao xogar tres partidos en apenas unha semana. «Non estamos habituados nin temos un plantel para xogar cada 3 días, tampouco é como na pretemporada que podes repartir minutos», declarou o adestrador. En calquera caso, recoñece que o importante é gozar desta aventura. «É difícil de xestionalo, pero é unha ilusión. A realidade é que o Estradense nunca estivo aquí e temos que valoralo. É un premio. É certo que non é bo para a liga. Imos estar cansos e a longo prazo, nunhas semanas o imos pagar, seguro, pero creo que temos que gozalo», indicou.
O Estradense quererá manter as boas sensacións vistas no Municipal o pasado mércores, recuperando a súa mellor versión despois dun debut agridoce contra o Boiro. A vitoria por 1-0 deixou certas dúbidas no xogo que tratarán de seguir disipando esta tarde.
Pola súa banda, o Mocidade de Cambados empezou o campionato empatando a domicilio 0-0 contra o Somozas.