
A obra foi seleccionada entre os 39 poemarios presentados
02 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Presentada baixo o lema «Anise K», a obra Ferida Aberta de Rafael Vilar González foi elixida por unanimidade como gañadora do XXIX Premio de Poesía Avelina Valladares. O xurado, conformado por Xoán Carlos García Porral, María Neves Soutelo Vázquez, María Begoña Porto Brea e Esteban Folgar Brea (con Dolores Araújo Arias actuando como secretaria), non tivo dúbidas sobre a elección despois da súa deliberación onte á tarde no consistorio estradense.
Despois de revisar os orixinais presentados, o equipo destacou a calidade literaria do poemario que, «a través da sinxeleza dos seus versos, consegue construír un universo poético íntimo e delicado, evocador e cheo de matices». Ademais, salientaron que «o poemario transita pola dor e a esperanza, o amor, a perda, as luces e sombras do cotiá, creando para quen le esa fonda necesidade de tocar a terra».
A peza foi seleccionada entre as 39 que concorreron, nun ano especial para o certame, xa que o Concello da Estrada, quen convoca o premio, conmemora este 2025 como Ano Cultural Avelina Valladares. Coñecido o fallo, o alcalde, Gonzalo Louzao, púxose en contacto co gañador para trasladarlle a decisión do xurado e facerlle chegar os primeiros parabéns.
Poeta consolidado
Rafael Vilar é un dos nomes propios da poesía galega contemporánea. A súa sona remóntase aos inicios da década dos noventa, cando gañou o premio de poesía Fermín Bouza Brey para autores novos. Tras el irían chegando moitos outros galardóns para este escritor natural de Cee.
O gañador do Avelina Valladares ten un amplo número de orbas publicadas a título individual e colectivo, sumándose o certame estradense á súa longa lista de recoñecementos.
A dotación económica do galardón que leva o nome da autora estradense dende hai case trinta anos é de 2.000 euros, que se outorgarán indivisiblemente nun único premio e suxeito ás retencións que, no seu caso, procedan. O premio entregarase nun acto público que se fai coincidir, cara remate do ano, coa publicación da obra no marco da Festa da Poesía.