Os veciños de Álvaro Cunqueiro piden solucións para recuperar a seguridade e a tranquilidade

DEZA

Os socialistas mantiveron un encontro cos residentes
13 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.Os socialistas lalinenses mantiveron un encontro cos veciños da área da rúa Álvaro Cunqueiro que piden unha solución aos problemas nesta zona para poder recuperar a tranquilidade e a seguridade. Algo que tamén demanda o PSOE. O portavoz municipal desta formación, Alba Forno, sinala que demandan «unha solución urxente». Os veciños quéixanse, apunta Forno, dos problemas derivados dos okupas «que están a causar problemas de seguridade, ademais da insalubridade da propia zona que vai en aumento» indicando «perderon toda a tranquilidade que tiñan nestas rúas».
Forno lamenta que «teñan que vivir nesta incerteza constante e convivir con persoas que están a perturbar a súa vida diaria». O PSOE esixe que se «tome unha decisión urxente e eficaz e canto ao edificio abandonado que se atopa nesta área». A este suman o feísmo derivado da estrutura da edificación que, lembran, «leva moitos anos nese estado e mesmo deteriorándose».
Os socialistas insisten ao goberno local na súa petición de que abra a rúa Álvaro Cunqueiro porque consideran que «a maior tránsito de vehículos e persoas pola zona, a área tería unha maior vida e deixaría de ser unha área marxinada, chegando así a reducir ou acabar cos conflitos diarios que están a padecer». Opinan que os responsables municipais deberían reunirse cos veciños e explicarlles en que situación se atopa a licenza do edificio, cales son os prazos que manexa e que pasos se darán a posteriori.
Recollida de firmas
Cren que. «é a súa obriga informar á veciñanza e ofrecerlles algo de tranquilidade» sinalando que no canto diso foron os socialistas os que lles explicaron en que punto se atopa a situación da licenza, apuntan.
Anuncian que no próximo pleno ordinario preguntarán ao goberno local por como se atopa a situación e que vai facer desde o Concello «para devolverlle a tranquilidade a esta veciñanza, que é a súa maior preocupación». Estes problemas xa foron levadas ao pleno polo PSOE en abril e consideran que desde entón os responsables municipais «xa puideron ir avanzando algo».
Forno asegura que seguirán o problema de preto e que apoiarán, apunta, «todas as iniciativas que se poñan en marcha, como a recollida de firmas que pronto iniciarán». Afirma que «estaremos pleno tras pleno preguntando ata que a zona recupere a seguridade».