O portavoz municipal do BNG da Estrada, Xoán Reices, denunciou onte a desatención por parte do goberno local en canto á recollida de lixo. Apuntou que prolifera en varios puntos do rural e exemplificouno co aviso que lles transmitiron veciños de Ribeira, en Santo André de Vea, «pola presenza de lixo amoreado desde hai semanas» sen que se recolla polo servizo municipal. Reices aludiu á desaparición do colector de lixos existentes nese punto.
Asegurou que o ocorrido en Ribeira «non é un caso aillado, é a norma no rural da Estrada, onde os colectores non só escasean, senón que rotan dunha parroquia a outra nun intento desesperado de tapar as vergoñas». Reices achaca ese abandono de lixo en distintos lugares ao mal funcionamento do punto limpo, lembrando a advertencia que realizaron de que era un erro pechalo durante un mes sen unha alternativa. Lamentou que esa proliferación de residuos diseminado polo rural ofrece «unha nefasta imaxe do noso Concello».
Desde o BNG instan o rexedor a reaccionar e adoptar medidas para acabar con eses puntos de vertedura, ademais de concienciar á cidadanía. Piden axustar o funcionamento do punto limpo para facilitar aos veciños que leven alí os residuos e que non teñan dificultades para iso.