A Estrada activa un novo portal para promover o alugueiro de vivendas baleiras
DEZA
Na páxina web municipal da Estrada activarase desde mañá luns un portal para promover o alugueiro de vivendas baleiras. A nova plataforma tecnolóxica estará activa en www.aestrada.gal e forma parte do proxecto impulsado polo goberno local en busca de favorecer o arrendamento das 3.313 vivendas que, segundo as estatísticas oficiais, non están ocupadas na actualidade. Ademais púxose en marcha un censo municipal deste tipo de pisos e casas, xunto coa bonificación do IBI nos inmobles en alugueiro ou apoio á reforma destas vivendas.
Técnicos da Estrada Dixital desenvolveron a nova ferramenta, que posibilitará incorporar inmobles por parte dos seus donos e a consulta pública das vivendas dispoñibles, facilitando o contacto directo entre ambas as partes. O concelleiro de Reto Demográfico e Vivenda, Manuel Magariños, destacaba onte que o portal se estrutura en dúas áreas diferenciadas. A primeira, dirixida a propietarios, que poderán rexistrarse e dar de alta cantas vivendas en alugueiro desexen. Achegarán datos de contacto, sexan particulares ou inmobiliarias, así como descrición dos pisos, o seu equipamento e imaxes actualizadas.
Consulta por interesados
A segunda área do portal está aberta para que os interesados poidan consultar as vivendas en alugueiro, sen necesidade de rexistrarse de forma previa. Os inmobles dispoñibles poderán buscarse mediante filtros, como diferenciación por parroquia, número de cuartos, superficie, prezos,...
«O portal presenta un deseño claro e intuitivo, pensado para facilitar tanto o rexistro de vivendas como a súa procura»
, resaltou Magariños. Estar rexistrados nesta plataforma, dixo, resulta requisito imprescindible para lograr a bonificación do IBI do 50% ou acceder a axudas para rehabilitación.
O Concello habilitou ademais un servizo de apoio técnico, tanto presencial como telefónico, para facilitar a alta dos usuarios. Os interesados poden contactar a través do correo soporte@aestradixital.gal ou no teléfono 986 570 997. Magariños animou á implicación veciñal para éxito desta iniciativa e agradeceu o traballo dos técnicos.