
Rexistráronse 12 xornadas cos termómetros por amais dos 30
01 jul 2025 . Actualizado á 05:00 h.Á espera da baixada das temperaturas que as predicións apuntan para mañá mércores, a última onda de calor deixounos unha máxima de 36,55 graos, preto dos 37 que Meteogalicia rexistrou o pasado domingo, día 29, na estación de Lalín. Na de Mouriscade, a algo máis de altitude, ese mesmo día, a máxima foi de 35,81 graos, sendo tamén a máis alta de todo o mes.
O cambio climático vai deixando pegada e este mes de xuño que acabamos de despedir deixounos un total de 12 xornadas cos termómetros por amais dos 30 graos nos rexistros das estacións de Lalín e Mouriscade. Na da capital dezana acadáronse os 32,97 graos o día 9 e os 30,72 o día 10. Rexistráronse 32,58 graos de máxima o día 16, 34,79 o día 17, 32,04 o 18, 30,84 o 19 e 32,29 o día 20. A estas xornadas de moita calor sumáronse as do día 23 con 30,98, as do día 27 con 30,46, os 34,02 que se acadaron o día 28, os 36,55 graos do día 29 e os 34,24 de onte.
En Mouriscade as máxima diferiron un pouco, pero andaron preto. Tamén nesta estación meteorolóxica os rexistros recollen un total de 12 xornadas por amais dos 30 graos. Onte a máxima foi de 32,54 graos. Aos 35,81 do domingo sumáronse os 34,86 acadados o día 28. O día 27 os termómetros chegaron a 31,40 graos e o 23 a 31,65. Pasouse tamén dos 30 graos o 20 de xuño con 32,83, o día 19 con 31,21, o 18 con 32,17, o 17 dese mesmo mes con 35,08, o día 16 con 32,70, o día 10 con 30,89, o día 9 con 32,67 graos.
Desde o inicio da primavera o pasado 20 de maio ata onte na estación de Mouriscade, en Lalín, contabilizáronse un total de 33 días de choiva. O día no que se rexistrou un maior volume de precipitacións foi o 30 de abril no que caeron 35,8 litros por metro cadrado. En xuño, en cambio, só choveu catro días, segundo os datos recolleitos na estación de Lalín.
En canto ás temperaturas mínimas, a mínimo máis baixa do mes que se rexistrou en Lalín foi de 8,96 graos o día 15.
Apertura das piscinas en Silleda, Lalín, A Estrada e Dozón
Co inicio do mes de xullo arrinca a apertura dalgunhas das piscinas da zona. Poderanse utilizar xa as de Lalín, as de Silleda e A Bandeira e unha das da Estrada, así como as de Dozón e a área recreativa de Sanguiñedo neste mesmo municipio.
En Dozón, as instalacións estarán abertas desde hoxe ata o 31 de agosto, en horario de 15.00 a 20.00 horas de martes a domingo. Estará tamén ao dispor de veciños e visitantes a praia fluvial de Sanguiñedo neste mesmo municipio.
Na Estrada, as obras non permiten a apertura hoxe do vaso grande das piscinas e a intención do Concello abrir ao público hoxe o resto das instalacións, que contan con outros dous vasos de menor tamaño e unha zona axardinada non afectada polos traballos. Uns labores de remodelación que reducen o tamaño do vaso e acabarán cos históricos problemas de filtracións.
As piscinas de Silleda e A Bandeira abrirán ao público desde as 14.30 ás 20.30 horas, de luns a venres, mentres que os sábados, domingos e festivos será de 15.00 a 20.30. O custo da entrada mantense nun euro por día que se pode pagar nas instalacións e ofrécese a posibilidade de adquirir bonos.
En Lalín, a entrada custará 2 euros para persoas entre 16 e 59 anos, baixando a un euro para menores de 16 e maiores de 59, quedando exentos de pago os abonados do Lalín Area. Hoxe ábrense as instalacións tal e como estaba previsto.
En Forcarei, hai uns días, o Concello buscaba xente que se puidese facer cargo dos bares das piscinas, tanto as de Forcarei como as de Soutelo de Montes. As de Vila de Cruces foron as primeiras en abrir a mediados de xuño.
Queixas polo descontrol no aparcadoiro en Pozo do Boi
As altas temperaturas encheron estes días a praia fluvial de Pozo do Boi en Vilatuxe á que acudiron en masa os veciños da zona. A aglomeración deu pé ás queixas pola falta de regulación dos lugares de estacionamento e, apuntaban algúns usuarios, o descontrol existente para aparcar e dos servizos que se ofrecen nesta contorna.
Os usuarios botaban en falta unha sinalización adecuada para poder estacionar de forma ordenada evitando que cada un aparcase onde lle parecese uns días nos que se deron atascos. Demándase tamén un maior coidado no mantemento e control da zona.