Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.
La Voz de Galicia
Lo sentimos, no hemos podido atender su petición.

A natalidade segue en caída libre e ameaza con baixar dos 300 ao ano

d. c. LALÍN / LA VOZ

DEZA

Miguel souto

No 2024 producíronse 579 mortes máis que nacementos, seguindo cunha preocupante tendencia dun 20% menos de partos nunha década

28 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.

Non supón ningunha novidade que ano tras ano o número de nacementos caia nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de montes. Cunha poboación moi envellecida, o gran problema deste área, así como da gran parte de Galicia, é atopar substitución xeracional. Os datos provisionais do 2024 publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) son preocupantes, xa que a natalidade segue en caída libre, con 32 partos menos no último ano. Lonxe de frear, a dinámica segue o seu curso ata o punto achegarse á barreira psicolóxica dos 300 nacementos ao ano.

No 2024 foron 313, 210 en Deza (-33) e 103 en Tabeirós-Montes (+1). As cifras a simplemente non din gran cousa, obviamente, pero póndoo en contexto adquiren outra dimensión. Dez anos antes, no 2014, a contía era de 377, polo que o descenso nunha década é do 17%. Se ampliamos o foco ata o 2004, hai vinte anos, a diferenza é negativa 20%, posto que por aquel entón se deron 442 alumeamentos.

A emigración tamén axuda a entender estes datos, coa saída de poboación mozo tanto ao estranxeiro como a outros puntos de Galicia, principalmente as cidades. Con todo, a escusa da emigración patina cando vemos as defuncións, outro dos apartados que observa o IGE no estudo do movemento natural de poboación.

No 2024 faleceron 892 persoas na zona, cunha esperanza de vida cada vez máis alta, son un 5% máis de mortes que no 2014 (824) e un 8% máis das que se deron hai vinte anos (848). Por tanto, non é que haxa unha mortalidade maior froito de enfermidades, senón que a poboación está máis envellecida e o número de anciáns é moito maior.

Por concellos

Indo ao detalle, o municipio coa cifra de natalidade máis alta é Lalín, con 108, seguida da Estrada, cun centenar de partos. O certo é que proporcionalmente tampouco é ningunha marabilla. Na capital dezana son 14 menos que hai dez anos e na Estrada, seguindo con esta comparativa, son 34 menos. No caso lalinense a diferenza non varía se o contrapomos cos datos de principios do século XXI, pero na Estrada o descenso é do 33%.

E se, é certo que proporcionalmente non é a que máis baixa, esa dubidosa honra recae en Forcarei. Un dato moi pouco edificante, porque no 2024 só deron a luz a tres bebés no concello, fronte aos 19 de hai dez anos ou os 35 que alumaron no 2004, iso supón unha caída na natalidade do 91%.

Agolada, a excepción

Doutra banda, en Silleda houbo 53 nacementos, 19 menos que no 2014. En Vila de Cruces foron 21, en Rodeiro 8, en Dozón 3 e en Agolada 17. Este municipio é o único que mellora tanto respecto a hai dez ano (+11) como vinte (+4).

Crecen os matrimonios, que viven un momento doce con máis de douscentos no 2024

O estudo do movemento natural de poboación tamén fai fincapé nos matrimonios. Neste apartado, nas comarcas consumáronse 207, 92 en Tabeirós-Terra de montes e 115 en Deza. A subida é practicamente xeneralizada respecto a unha década antes. Na Estrada déronse 29 máis que no 2014, cun total de 84.

É sen dúbida o aumento máis destacado. No resto crecen coa excepción de Agolada (5), Rodeiro (6) e Silleda (24). En Vila de Cruces decretáronse 15 (+4), en Forcarei 8 (+4), en Dozón 3 (+3) e en Lalín 62 (+4). A diferenza tan destacada respecto ao 2014 pode deberse a un cambio nos hábitos da poboación, aínda que a recado terá que ver máis cun aspecto económico.

Factor económico

O 2014 foi un ano de crise económica que afectou a este tipo de dispendios, algo que non sucedía no 2004, onde se aprecia un aumento no número de casamentos, que roldaron os trescentos. Por aquel entón A Estrada e Lalín sumaban 84 matrimonios cada un.