Os proxectos inclúen 43 aeroxeradores onde xa foron denegados pola Xunta
01 jun 2025 . Actualizado á 05:00 h.A recente exposición pública dos expedientes para novos parques eólicos que afectan o Deza e Tabeirós-Terra de montes xa xerou reaccións de rexeitamento de distintos colectivos e formacións políticas. Os proxectos Ventoburgo, Xestiloi e Sistesas, que tramita de forma directa o Estado por superar cada un deles os 50 MW de potencia, incumben á Estrada, Forcarei, Cerdedo-Cotobade e Silleda, ademais do municipio ourensán de Beariz.
Desde o BNG comarcal mostraban onte o seu rexeitamento frontal a esta nova iniciativa eólica, coa previsión de 43 aeroxeradores de ata 131 metros de altura e cun rotor de ata 163, superando así os 200 de altura total. Aluden a que eses muíños emprazaranse a escasa distancia de núcleos de poboación que estarían afectados polos ruídos e as sombras que producen, ademais do impacto sobre o agro e os efectos electromagnéticos das liñas eléctricas. Aluden á preocupación veciñal que se revive ante este modelo de «transición ecolóxica» que padece Galicia.
Remarcan que a normativa sectorial propicia tramitar de forma simultánea estes tres proxectos eólicos «cuxo enfoque é claramente especulativo e depredador, contradicindo as previsións de planificación enerxética». O responsable comarcal do BNG, Xoán Blanco, lembraba ademais que para as áreas afectadas por eses futuros aeroxeradores xa se someteron a tramitación outros proxectos aos que se sobrepor os actuais, para os que a Xunta emitiu declaracións de impacto ambiental desfavorables. «Repítese unha e outra vez a loita veciñal contra o intento de espolio continuado, co que iso implica no desgaste da poboación, que se ameazada por multinacionais nunha batalla que os habitantes perciben como desigual», remarcan os nacionalistas.
Ampliar Rede Natura 2000
Argumentan que ese novo intento de desembarco eólico obedece
«á fraxilidade das medidas de protección dos nosos recursos hídricos e a nosa biodiversidade»
, lamentando que a Xunta non amplíe a Rede Natura 2000 e a protección de zonas de especial conservación como os humidais e hábitats por onde transitan as últimas manadas de cabalos salvaxes de Europa, neste caso os montes de Sabucedo.
«Esta falla de garantías legais e instrumentos e medidas previstas para desenvolver a Estratexia de Infraestrutura Verde e para a Conectividade e a Restauración Ecolóxicas, deixan ao noso territorio indefenso ante a implantación de instalacións eólicas»
, remarcan, aludindo a este nova exposición pública para proxectos que bordean a Rede Natura 2000. Exemplifican co de Xestiloi, nos límites de Brañas de Xestoso, ou os situados a escasa distancia da Serra do Cando ou do Monte Faro, interferindo a conectividade entre as distintas zonas protexidas, o que non está permite pola lei vixente. Blanco anuncia accións desde o BNG.