
O XIV Salón Turístico Galicia que se celebra de forma paralela á Semana Verde no recinto feiral de Silleda, do 5 ao 8 de xuño, multiplicará nesta edición as oportunidades de negocio. Contará con máis de 30 operadores turísticos e estrea a participación de Indonesia e Serbia na bolsa de contratación.
A estes dous países súmanse outros oito que son: Alemaña, Canadá, España. Estados Unidos, Irlanda, Países Baixos. Polonia e Portugal. Na súa maioría trátase de axencias tradicionais ou axentes de receptivo especializadas nos destinos de España e Portugal e que traballan de emisores para outros mercados. Ás mesas de negocio engadirase unha pequena viaxe de familiarización no que participarán a maioría dos operadores turísticos asistentes. Será un fam trip que comezará a tarde do 6 de xuño cunha visita ao Pazo de Oca e os seus históricos xardíns na Estrada. O 7 de xuño coñecerán a comarca do Ribeiro, con parada no Pazo de Toubes, en Riobó e realizarán visitas a Ribadavia e Ourense. O día 8 terán dúas opcións: visitar Santiago de Compostela e a catedral ou descubrir o Pazo de Rubiáns en Vilagarcía.