A música volverá a vibrar o día 7 nos Encontros de Carboeiro, que abriron o prazo para o xantar

La Voz LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

28 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación intercultural Santa Ferreña volverá a xuntar o día 7 nos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro, en Silleda, a xeracións unidas pola música tradicional. No entorno do monasterio celebrase esta festa que vai pola edición número 26 . O programa ábrese ás 12.00 horas cun obradoiro de toques de campá a cargo de membros da Asociación de Campaneiros de Galicia. Haberá unha sesión vermú musical, a poxa das andas, unha cerimonia solemne e a procesión da Santa Ferreña acompañada polos papamoscas de Viravolta que culminará con danza na capela.

Durante todo o día poderase visitar a exposición Entre todas: nomeando as mestras cantareiras, resultado do proxecto colaborativo impulsado polo colectivo Andar cos tempos (Ana García, Carme Campo e Chus Caramés) e María Vidal Solla. Como cada ano haberá tamén unha feira de artesanía con postos de obras realizadas en ferro, cerámica, coiro, tecido, madeira, fibras naturais e materiais de refugallo en forma de abaloiros, instrumentos, complementos e xoguetes.

Está aberto xa o prazo para un xantar popular con opción vermella a base de empanada e xarrete con patacas e verde, con empanada e arroz con verduras e cogumelos. Ambos con sobremesa, pan, viño ou auga, café e gotas. O custe do menú é 24 euros e de 12 euros para os menores de once anos. A venda de entradas é ata o 2 de xuño ou ata o fin das prazas.

Pola tarde haberá xogos populares e tradicionais para maiores e pequenos coa ludoteca itinerante de Sororas, un Paseo contado entre todas na sala de exposición e unha contada de Celso Fernández Sanmartín titulada Primavera como caída do ceo e, por suposto, unha foliada aberta a todo aquel que queira participar e que se prolongará ata que os participantes queiran e «o corpo aguante».

Dende a organización destacan unha festa que é posible gracias ao traballo desinteresado e laborioso de moita xente.