
Xunto co Campionato de España cadete, Lalín vivirá un domingo de máxima emoción tamén no fútbol. O Club Deportivo Lalín disputa esta tarde (17.00 horas, Manuel Anxo Cortizo) a ida das semifinais da fase de ascenso a Terceira División.
O conxunto adestrado por Willy recibe a un equipo nun momento de forma extraordinario como é o Céltiga, segundo clasificado do grupo Sur da Preferente galega. Os da Illa remataron a liga regular en segunda posición con 68 puntos, a tres do ascenso directo que lle arrebatou o Barco nun man a man trepidante.
Os puntos obtidos polos arousáns converten ao Céltiga no terceiro mellor equipo da tempada en Preferente, só por detrás de Montañeros e o propio Centro de Deportes Barco. De feito, de competer no grupo do Lalín remataría segundo.
No entanto, o capitán roxinegro, Álex Rivas, mostrou esta semana a súa confianza en poder dobregar a un adversario temible. O defensor lalinense manifestou que se atopan «nunha dinámica boa e traballando ben», reiterando ademais que o equipo está «enchufado» e «optimista».
O CD Lalín clasificouse para a fase de ascenso a pesar de quedar en sexta posición grazas ao descenso da SD Compostela, que impediu ao Sigüeiro, terceiro clasificado, xogar o play off. Un premio que pretenden aproveitar dando a badalada na primeira eliminatoria das dúas que deben superar para ser de Terceira.
O filial aínda soña co ascenso
Esta tarde tamén xoga unha fase de ascenso o filial do CD Lalín, que se mide ao Santa Cruz de Montaos a domicilio (17.00 horas) con opcións matemáticas de subir. Deben vencer o seu partido e agardar a que o Vilatuxe lles faga un favor gañando ao Fátima.